Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Novo varapau do TSXG á Xunta: desprotexer o lobo...
16-06-2026
O Alto Tribunal galego eleva ao Constitucional, a pedido das ecoloxistas, a trécola legal usada pola dereita e ultradereita para excluír o lobo do LESRPE.
En 2025, o PP aprobou no Congreso, co apoio de Vox, Junts e PNV, unha serie de emendas á Lei 1/2025 de Prevención das Perdas e o Desbaldimento Alimentar, coas que retiraba o lobo ibérico (Canis lupus signatus) da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE), ignorando os criterios científicos que determinaron a súa protección en 2021 e o procedemento que habilita a Lei 42/2007 de Patrimonio Natural e da Biodiversidade.
Este subterfuxio legal permitiu que varias comunidades autónomas, incluída Galiza, volveran considerar o lobo como especie cazábel ou susceptíbel de "controis poboacionais". As organizacións ecoloxistas integradas no Fondo para a Protección do Lobo Ibérico, entre elas, ADEGA, recorremos ao TSXG en contencioso contra a Resolución da Consellaría de Medio Ambiente que voltaba permitir a súa caza. Conqueriuse primeiro que o Alto Tribunal galego suspendera cautelarmente a norma da Xunta e, posteriormente, que rexeitara o recurso da administración galega contra esta paralización.
No noso escrito de demanda, as ecoloxistas indicabamos tamén ao TSXG que a espúrea retirada do lobo do LESRPE podería ter vulnerado, entre outros, os principios constitucionais de seguridade xurídica e non regresión ambiental, polo que reclamabamos a elevación ao TC dun incidente de inconstitucionalidade.
Este recente auto do TSXG dános novamente a razón e eleva ao TC a posíbel inconstitucionalidade dos artigos emendados polo PP e adláteres na Lei 1/2025 para desprotexer efectivamente o lobo. O Alto Tribunal galego estima os nosos argumentos e considera que as disposicións legais en cuestión poderían vulnerar principios esenciais da CE, como o da seguridade xurídica, o dereito á tutela xudicial efectiva, a interdición da arbitrariedade dos poderes públicos, e o dereito a un medio ambiente axeitado polo que atinxe á non regresión en materia ambiental. O TSXG acorda tamén paralizar as actuacións o contencioso mentres non se pronuncie o TC sobre a admisión do recurso.
Este transcendental auto, acordado precisamente pola controvertida Sección segunda presidida pola nova presidenta da Sala do Contencioso, Mª Azucena Recio, supón unha nova labazada xudicial á nefasta política ambiental da Xunta. Representa tamén o fracaso da pinza coa que o PP e outras forzas da dereita e ultradereita pretenderon subvertir a orde constitucional para satisfacer os intereses e captar o voto do agrotrumpismo estatal.
Semellante correctivo debería levar consigo tamén a dimisión da responsábel de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, obcecada na súa cruzada nacional-escopeteira contra o lobo, á marxe de toda evidencia científica e de todo respecto polas normas legais.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal