ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA e AV Afectados polas Infraestruturas de...

25-03-2026

ADEGA e AV Afectados polas Infraestruturas de Cambre denuncian o intento de reactivación ilegal da Vía Ártabra na Gándara

A asociación ecoloxista ADEGA e a AV Afectados polas Infraestruturas de Cambre mostran a súa oposición ao actual proxecto de ampliación da Vía Ártabra (AC-221), na súa ligazón coa AP-9 na zona da Gandara, en Cambre. Piden que non se ignoren as sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que anularon integramente o trazado e o proxecto construtivo por graves irregularidades no procedemento.

Ambos colectivos cualifican calquera intento de reactivar este proxecto como ilegal e esixen que se "comece de cero" toda a tramitación, cun novo estudo de impacto ambiental que contemple a protección do humidal da Gándara.

Xa hai dúas sentenzas que tomban o proxecto

En 2022, o TSXG ditou dúas sentenzas que anularon, respectivamente, o proxecto de trazado e o proxecto de construción da Vía Ártabra que remata na AP-9 e que afectaría directamente ao humidal da Gándara.

  • Sentenza que anula o trazado: O TSXG declarou a nulidade do proxecto de trazado porque "debia ter sido aprobado polo Consello da Xunta" e non por un director xeral, como ocorreu en 2009. O tribunal considerou este feito un "grave vicio procedimental", motivo suficiente para anular todo o proceso.
  • Sentenza que anula a construción: O mesmo tribunal deixou sen efecto o proxecto de construción aprobado polo Consello da Xunta en decembro de 2018 debido a que o informe que analizaba as alegacións presentadas tiña data de xaneiro de 2019. Outro "grave vicio procedimental", segundo o tribunal, xa que dito informe foi feito a posteriori para xustificar a aprobación do proxecto. Ademais, ao estar anulado o proxecto de trazado, a construción perdía automaticamente a súa base legal.

Esgotado o percorrido legal do proxecto

Ao tempo, a Xunta esgotou todas as vías legais para a defensa deste proxecto, xa que en novembro de 2022 o Tribunal Supremo non admitiu o recurso de casación presentado pola Administración autonómica. 

Deste xeito, confírmase a nulidade do trazado proposto pola Xunta de Galiza para a ligazón coa AP-9 na Gandara. Debe considerarse a alternativa de conexión na zona de Catro Camiños, que posibilitaría a posterior ligazón da Vía Ártabra (AC-221) coa A-6. Esta opción cumpriría o verdadeiro obxectivo de dita infraestructura, que é servir como alternativa á mobilidade entre os diferentes concellos do cinturón da Coruña e os seus polígonos industriais (Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, Arteixo, etc).

O humidal da Gándara: o eixo do conflito que a xustiza non chegou a valorar

As asociacións lembran que, aínda que as sentenzas se basearon en cuestións formais, o fondo da oposicion veciñal e ecoloxista foi sempre a protección do humidal da Gándara. Nas alegacións presentadas por numerosos colectivos e polo propio Concello de Cambre, xa se denunciaba en 2008 "a grave afección do espazo fluvial do río Gándara, rego das Folgueiras e a práctica desaparición da área húmida da Gándara", así como a "inexistencia dun verdadeiro estudo ambiental" que analizase alternativas viables.

Obriga legal a "comezar de cero"

Calquera intento de retomar este proxecto, despois das sentenzas xudiciais, esixe que o procedemento administrativo para esta infraestructura empece de cero. As sentenzas do TSXG invalidadan o único trazado aprobado en 2009, o que abrangue todo o treito desde a N-VI ata a A-6.

O novo procedemento debe incluír:
1. Un estudo de tres alternativas de trazado, tal e como esixe a lexislación de avaliación ambiental
2. Unha nova declaración de impacto ambiental
3. Un novo período de información pública

Mentres tanto, a Gándara segue en risco

ADEGA advirte que, malia as sentenzas, a Xunta completou a ligazón de Iñás (Oleiros) e mantén "en suspenso" a conexión coa AP-9, pero sen renunciar ao trazado orixinal. Desta maneira, mentres non se inicie un novo procedemento con todas as garantías, a Gándara segue ameazada por un proxecto que a xustiza xa declarou nulo.

Os colectivos anuncian que presentarán alegacións ante calquera intento de "maquillar" o vello proxecto e esixirán que se cumpran integramente os fallos xudiciais. Aseguran que defenderán a Gándara con todos os instrumentos legais ao seu alcance.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal