ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA resalta a importancia da nova sentenza do...

10-03-2026

ADEGA resalta a importancia da nova sentenza do TSXG para a protección do lobo e urxe un xiro radical na política da Xunta

ADEGA parabeniza á Plataforma na Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC) e a todas as demais entidades promotoras do Fondo para a Protección do Lobo Ibérico pola última sentenza do TSXG que desestima a solicitude de contracautela da Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia contra a paralización cautelar das batidas de lobo nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Curtis e Ferrol. O tribunal conclúe que a solicitude da Xunta non está sustentada en datos científicos e, en consecuencia, refrenda as medidas cautelares adoptadas no seu día polo Tribunal Supremo. 

Grazas ao Fondo para a Protección do Lobo Ibérico, co que ADEGA colaborou, organizacións ecolxistas impugnaron hai perto dun ano a resolución da Xunta de volver autorizar as batidas de lobos no noso territorio logo de que a especie fose excluída do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial.

Que di o fallo do TSXG?

O fallo da sección segunda da Sala do Contencioso-Administartivo do TSXG mantén unha posición cunha base inapelable sobre catro argumentos que expón: (1) non se opón a que, en determinadas condicións, poida controlarse a especie, pero, (2) sempre e cando antes de teñan "esgotado todas as medidas necesarias para evitar ou paliar os danos ou riscos". Máis tamén reprocha (3) que non son razonadas (conforme o coñecemento científico e técnico) as medidas de control de modo que quede acreditado que estas son compatibles coa axeitada conservación da especie. E incide tamén en que (4), en base ao coñecemento biolóxico da especie, o feito de controlar lobos pode derivar en máis danos (pola particular estrutura de comportamento dentro do grupo ou manda). Estas catro cuestións levan sendo advertidas por expertos na especie, dende o ámbito científico e de xestión, e recollido nunha extensísima bibliografía científica dende hai décadas.

Cal debe de ser o papel da Xunta versus a súa actual irresponsabilidade?

Esta sentenza do TSXG pon de relevo a grande irresponsabilidade da Xunta de Galiza, ao igual que o fixo o Tribunal Supremo hai tres semanas. O mellor que podería facer a Xunta sería tomar nota disto e reorientar toda a súa política sobre a do lobo, para poder así ofrecer solucións efectivas e inmediatas ás explotacións gandeiras.  

O camiño debe ser o de investir en prevención e investigación, buscando a combinación das mellores medidas no manexo do gando para cada caso e facendo seguimento da especie nos seus territorios, incluído a nivel xenético, co gallo de actualizar a cada pouco a información do estado de conservación da especie e da súa poboación. Só así se poderá determinar sobre unha base científica rigorosa en que escenario estamos, se favorable ou desfavorable.  

A solución debe artellarse sobre unha diagnose científica e non sobre medidas drásticas a partir dun relato terxiversado e oportunista, que responde máis ben a intereses electorais curtopracistas que levamos décadas vendo que non levan a ningún sitio. A situación arredor do conflito do lobo está igual que no ano 1985, cando no Congreso se debateu isto por primeira vez en democracia. Corenta anos despois, non se moveu un ápice do debate, que segue igual de polarizado, deixando de lado o criterio científico e a falta solucións.  

A inclusión do lobo no LESPRE tiña de bo, precisamente, reverter esta tendencia e iniciar o camiño para achegar solucións. Pero para iso, precísase que non se dinamite a base científica e técnica que se precisa para xestionar a conservación do lobo en coexistencia coa gandería. É este precisamente o punto onde se deberían tecer pontes entre distintas administracións (Estado e CCAA) para propoñer solucións de coexistencia sobre unha base de coñecemento e colaboración.  

Como di a sentenza, sempre se pode facer algo máis, pero neste caso queda todo por facer en materia de prevención. Para que a prevención achegue resultados positivos en aras da coexistencia, primeiro, o goberno da Xunta debe crer nela, e segundo, debe mostrarlla á poboación gandeira e traballala coas persoas que viven esta problemática.   

Neste eido, a Administración ten unha responsabilidade fundamental, mais a Xunta está camiñando na dirección contraria, ao forzar e polarizar a polémica social do lobo. A súa intervención debe ser atender á problemática do lobo, do mesmo modo que se atende á protección dun ben de alto valor ecolóxico no medio natural, á vez de propiciar amparo e respostas inmediatas e satisfactorias á xente que vive de explotacións gandeiras que padecen danos.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal