Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O Ministerio pretende licitar a eólica mariña sen...
05-02-2026
O Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de iniciar os trámites (consulta previa) para aprobar as bases que rexerán os concursos para a adxudicación de parques eólicos mariños. Estas bases deben concretar a área, potencia, prazos e criterios de ponderación aplicables aos proxectos que se presenten. E as zonas onde se desenvolverán estes proxectos serán as ZAP (Zonas de Alto Potencial, 5 en augas galegas) definidas nos POEM (Planos de Ordenamento do Espazo Mariño) aprobados en 2023.
Porén, en novembro pasado, o Estado iniciou tamén o procedemento de consulta ambiental do segundo ciclo de planificación do POEM, que ten que estar rematado a finais de 2027. No seu momento, ADEGA e outros colectivos ecoloxistas, xunto con organizacións sectoriais, sinalamos ao Ministerio as eivas daquela primeira planificación: non contemplaba os impactos sobre a pesca artesanal, a paisaxe, os cetáceos...
Neste segundo ciclo, o Ministerio optou por unha revisión profunda da planificación mariña dos primeiros POEM e, como no seu momento reclamamos diversas organizacións, pretende introducir criterios que daquela deixara fóra, como reservar zonas para o amortecemento de impactos, a restauración da biodiversidade, contemplar as afeccións a caladoiros e zonas de cría, colisión con cetáceos, sumidoiros de carbono, etc. Un paso necesario aínda que non suficiente na boa dirección, xa que o propio tería sido acometer unha planificación exclusiva para as renovábeis no mar en troques de incluíla mesturada con outros usos nos POEM.
Cos novos criterios, parece lóxico agardar sensibles modificacións para as zonas designadas como de alto potencial eólico fronte ás costas galegas, con respecto ás establecidas no primeiro POEM. Porén, e antes de concluída dita revisión con límite en decembro de 2027, o Ministerio iniciou hai uns días os trámites para a adxudicación de proxectos eólicos nas ZAP definidas no primeiro ciclo, e que poderían (e deberían) verse modificadas consonte ao apuntado nos documentos de inicio desta segunda fase do POEM.
Para ADEGA, trátase dun grave erro de planificación, motivado pola presión do lobby enerxético que, ademais, podería introducir un factor de inseguridade xurídica para o desenvolvemento dos proxectos. Solicitaremos ao Ministerio que non licite ningún concurso sen concluír a revisión dos actuais POEM. O contrario suporía novamente poñer o carro diante dos bois, e xa vimos como acabou a cousa coa eólica terrestre en Galiza.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal