Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Entidades ecoloxistas promoven a inclusión do...
04-02-2026
ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, FEG (Federación Ecoloxista Galega) e SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural) veñen de solicitar á D. X. de Patrimonio Natural (Consellaría de Medio Ambiente) a inclusión do salmón atlántico (Salmo salar L.) no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
O salmón atlántico representa en Galiza o límite meridional da especie na Europa continental, e a súa poboación sufriu un drástico declive ao longo dos séculos XX e XXI. Varios estudos e censos recentes amosan un descenso continuado das poboacións de salmón de Galiza, tanto no número de capturas como na distribución dos ríos ocupados.
Segundo o Atlas do salmón atlántico en España (Ministerio para a Transición Ecolóxica, 2021), as poboacións de Salmo salar en Galiza diminuíron máis dun 80 % desde a década de 1970, e o número de ríos con poboacións reprodutoras pasou de máis de 20 sistemas fluviais históricos a menos de 8 na actualidade, ficando, ademais, illadas por bacías, o que impide un fluxo xenético eficaz. Moitos ríos que antes eran salmoneiros (Eume, Tambre, Sor, etc.) perderon por completo as súas poboacións, e nos que aínda persisten, como o Ulla, apenas se contabilizan 50 individuos reprodutores (eran miles hai só unhas décadas), moi por baixo do límite para garantir a viabilidade da poboación.
Estudos recentes prevén un descenso adicional do 30–50% nas poboacións de salmón do sur de Europa debido ao aumento da temperatura e aos cambios na produtividade mariña. Ademais, a continua degradación do hábitat fluvial e mariño (mudanza climática, verteduras, minaría...) e as barreiras á migración sen unha restauración suficiente (presas e azudes obsoletos, centrais hidroeléctricas) empeoran este prognóstico.
Para reverter esta situación, faise necesario recoñecer o estado crítico das poboacións de salmón galegas tanto pola súa reducida abundancia como pola velocidade do seu declive, e declarar a especie como “En perigo de extinción” para, deste xeito, desenvolver con urxencia un plano de recuperación con medidas para reverter esta situación.
O salmón atlántico é un tesouro da nosa natureza, unha especie única que estamos a piques de perder debido ao maltrato dos ríos e océanos e a unha ineficaz xestión. O noso deber e o das administracións competentes é protexelo para preservar este patrimonio único.
Colectivos asinantes:
ADEGA
AEMS – Ríos con Vida
FEG (Federación Ecoloxista Galega)
SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural).
A celebración no vindeiro mes de maio do L Concurso internacional de pesca do salmón, no marco da Festa do salmón da Estrada, é manifestamente incompatíbel co estado das poboacions desta especie, nomeadamemte no río Ulla. Resulta incoerente e acientífico permitir unha excepción á veda total do salmón nos ríos galegos, decretada pola Xunta en decembro pasado, habida conta da súa situación crítica.
A medida coerente é xa que logo, a inclusión do salmón no CGEA (Catálogo Galego de Especies Ameazadas) como “En perigo de extinción”, o que conlevaría a prohibición total da súa captura, sen excepcións. Ao terse xa iniciado este procedemento a instancias de ADEGA, AEMS, FEG e SGHN, demandaremos da Xunta a aplicación de medidas cautelares e a conseguinte suspensión do concurso de pesca, que non da festa.
A anguía e a lamprea experimentaron nas últimas décadas un declive catastrófico que, caso da anguía, sitúaa no limiar da extinción. A medida anunciada polo Ministerio de incluir a esta especie no LESRPE, é coherente coa situación crítica desta especie en toda Europa como indicou a IUCN.
A Xunta debería iniciar con urxencia os trámites para protexer e recuperar ambas especies, comezando por unha veda total, a catalogación da anguía como "En perigo de extinción” e extensión da protección da lamprea, agora considerada “vulnerábel" nas bacías cantábricas e no arco ártabro, a todos os ríos galegos.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal