ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA-A Coruña alega ao proxecto de urbanización...

09-10-2025

ADEGA-A Coruña alega ao proxecto de urbanización no Monte Mero por falta de transparencia e ruptura da infraestrutura verde

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), na súa delegación da Coruña, presentou alegacións á Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE) do proxecto de urbanización no Monte Mero (de interese autonómico SUD 4), promovido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. ADEGA lembra que a necesidade de vivenda pública non pode estar por riba dos dereitos das persoas que viven na zona nin do medio ambiente.

Máis participación 

ADEGA - A Coruña reclama un proceso máis participativo no que as persoas que viven na zona e que se verán afectadas polo proxecto, teñen máis información e capacidade de negociación coas administracións. A día de hoxe descoñécese cal será o futuro das casas afectadas por este proxecto, incluso as que se atopan en zonas destinadas a parques e equipamentos públicos. Isto xera indefensión nas persoas afectadas, polo que, aínda que non sexa esixido pola lei, os principios de boa administración recomendan habilitar unha canle de comunicación para que a veciñanza e as entidades interesadaspoidan expresar as súas preocupacións e mellorar a transparencia do proceso. 

Posibles afeccións á ZEPA Ría do Burgo 

Se ben o proxecto non se atopa dentro dun espazo protexido, si se sitúa a apenas 300 metros da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) “Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental” que inclúe a Ría do Burgo. As ZEPAs son espazos deseñados para protexer a avifauna, un grupo de animais que non se limita a ocupar só os espazos marcados para a súa protección. Tendo en conta que na Ría do Burgo están presentes numerosas especies migratorias e residentes que teñen protección legal, ADEGA esixe un estudo en profundidade sobre o impacto que a urbanización no Monte Mero terá sobre esta zona protexida e as súas poboacións de animais.

Infraestruturas verdes

ADEGA considera que o desenvolvemento urbanístico deste proxecto fragmentará a Infraestrutura Verde do concello da Coruña. Os dous ámbitos deste Proxecto de Interese Autonómico (PIA), tanto o Monte Mero como San Cristobo, sitúanse no anel verde desta infraestrutura. As Infraestruturas Vedes son unha estratexia da Unión Europea para mellorar a biodiversidade da cidade e mitigar a mudanza climática.

O anel verde no que se sitúa este proxecto está concibido como un “gran bosque” que sirva de pulmón para a cidade e que manteña funcións ecosistémicas, como a conectividade das especies en tanto que corredor ecolóxico. A función de corredor ecolóxico é aínda máis relevante para a zona do Monte Mero, tendo en conta que este proxecto se atopa moi próximo á Ría do Burgo.

O deseño deste proxecto rompe a conectividade ecolóxica Leste-Oeste do lugar. Actualmente, o espazo do Monte Mero e San Cristobo afectado polo PIA está formado por fincas naturais, con vexetación dispersa de matos, arboredas, hortas e pradeiras que aínda manteñen certas función ecosistémicas. 

ADEGA propón a creación dun corredor ecolóxico amplo e funcional nesta infraestrutura; e que ante a inevitable perda de superficie natural, exista unha compensación ecolóxica efectiva, coa ampliación da infraestrutura verde municipal nunha superficie equivalente á afectada.

Edificabilidade sostible 

Ademais, nun contexto de mundana climática como no que está inmerso o planeta, as licencias de construción deberían estar vinculadas a esixencias ambientais, como certificacións de sostibilidade, eficiencia enerxética, xestión circular da auga e instalación de enerxías renovables.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal