28-07-2025
Como resultado do inicio das obras de construción dun bloque de vivendas na zona de Garabolos, promovido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), confirmouse a existencia dun dos regatos tributarios do río Rato, regato hoxe entubado na súa parte final debaixo da urbanización e dos rueiros do sector nº1, polígono Residencial Norte B.
Malia a que o afluente aparecía grafado en cartografías oficiais desde mediados do pasado século, o boom inmobiliario que na cidade de Lugo alcanzou as súas mais altas cotas na primeira década do presente século fixo que varias urbanizacións -unha de promoción pública (Xestur Lugo) e outra privada (CINUR)-, se desenvolvesen entre o Cuartel de Garabolos e a Avenida Infanta Elena sen respecto ningún polas fontes e os afluentes do río Rato que alí existían; tendo sido un deles entubado na sua parte media – final dentro da nova área urbanizada.
Estes feitos se enmarcan dentro dunhas tramitacións municipais, -plans e proxectos correspondentes ás anteditas urbanizacións-, nas que o Concello non pediu os oportunos informes e autorizacións da Confederación Hidrográfica. Tampouco actuou a Confederación Hidrográfica cando, algúns anos mais tarde (2.016), ADEGA lle fai constar o soterramento do afluente.
Non é de recibo que augas que tiñan que chegar ao río estean circulando pola rede de colectores, prexudicando ao ecosistema fluvial e sobrecargando ademais o funcionamento da depuradora, co conseguinte gasto enerxético e económico para o concello.
Ademais non é de recibo que se siga edificando irracionalmente encima e nas beiras de canles fluviais que, por moito que se entuben, non poden impedir que os correspondentes edificios se vexan afectados por inundacións e humidades.
Tampouco é de recibo que a Xunta, o Concello e a Confederación sigan impasibles ante esta forma de actuar do entramado especulativo do cemento e do ladrillo.
Exiximos ás Administracións implicadas unha maior conciencia e sensibilidade ambiental, que dea como resultado un urbanismo máis sensible co medio natural, especialmente coa auga e cos cursos fluviais.
ADEGA reclama ao IGVS e ao Concello de Lugo que o regato afectado polo edificio cuxas obras foron iniciadas recentemente na zona de Garabolos sexa debidamente protexido e posto en valor, -negociando se é necesario o traslado da edificabilidade a outras parcelas–. O Concello dispón dos terreos necesarios para tal fin. So fai falta vontade política. Esto significaría pasar das palabras (o “ecoloxismo” impostado do que ten presumido a anterior corporación municipal) aos feitos.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal