Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA abre unha nova vía para invalidar unha...
05-06-2025
En xullo de 2024, ADEGA advertiu á Xunta de Galiza de que o proxecto de Altri-Greenfiber non daba conta de todas as substancias contaminantes potencialmente nocivas, agás 4 (partículas PM10, óxidos de nitróxeno, óxidos de xofre e compostos reducidos de xofre) que emitiría a fatoría. Por non informar, nen sequera cuantificou no seu estudo de impacto as emisións de CO2, nin tampouco as de monóxido de carbono, amoniaco, compostos orgánicos volátiles, óxido nitroso, dioxinas e furanos, carbono orgánico total, metano, mercurio, cadmio, zinc... e até máis de dúas ducias de substancias recoñecidas como nocivas emitidas pola instalación.
Daquela instouse á Xunta a que requerira á mercantil toda esta información así como someter novamente ao trámite de información pública a documentación revisada no procedemento de autorización ambiental integrada (AAI). Fixémolo baseándonos nos contidos dunha sentenza do TXUE (Gran Sala) de xuño de 2024, que resolveu unha cuestión prexudicial elevada por un xulgado italiano. O Tribunal Europeo determinou, na súa sentenza (ver cuestión prexudicial segunda -alíneas 106 e 122- da sentenza) que:
“Para os efectos de expedir ou revisar a autorización de explotación dunha instalación ao abeiro da citada Directiva [2010/75/UE, IPPC], a autoridade competente deberá ter en conta, ademais das substancias contaminantes que sexan previsibles pola natureza e o tipo de actividade industrial implicada, todas aquelas que sexan obxecto de emisións cientificamente recoñecidas como nocivas e que poidan ser emitidas pola instalación, incluídas as xeradas pola devandita actividade que non fosen autorizadas no procedemento de autorización inicial da instalación".
A Xunta non respostou á nosa solicitude e en marzo deste ano publicou unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) favorábel. Nesta DIA, a Xunta recollía a obriga de que aliás dos contaminantes sinalados pola empresa (4), a fatoría non podería superar os valores doutras substancias nocivas (25) das que Altri-Greenfiber non tiña informado. Deste xeito, a administración asumiu implicitamente as consideracións expostas por ADEGA na súa solicitude de 2024 e pretendeu simular durante o trámite da AAI o cumprimento dos termos da sentenza do TXUE.
Porén, a sentenza do Alto tribunal europeo non se limita a obrigar as administracións a que teñan en conta todas as substancias que poidan ser emitidas por unha instalación, senón que obriga tamén ás empresas a consignar todos os contaminantes nocivos que podería emitir no procedemento de autorización:
“En consecuencia, o titular dunha instalación está obrigado a facilitar, na súa solicitude de autorización de explotación da instalación, información sobre a natureza, cantidade e posibles efectos adversos das emisións que poida producir a instalación, para que as autoridades competentes poidan fixar valores límite para aquelas emisións, coa única excepción daquelas que, pola súa natureza ou cantidade, non poidan constituír un risco para o medio ambiente ou a saúde humana.”
Como parte interesada, ADEGA tivo acceso ao conxunto do expediente da solicitude de AAI de Altri-Greenfiber. Nel non figura ningunha addenda ou resposta da empresa coa información que falta sobre todas substancias nocivas que podería emitir a fatoría, nin tampouco consta que a Xunta lla pedira. E aínda que así fora (por se foi “traspapelada” e aparece “oportunamente” nalgún momento durante a tramitación), dita información debería ter sido incluída pola empresa na documentación da solicitude de AAI, ou nunha modificación substancial do proxecto e do estudo de impacto, e en calquera caso exposta de novo publicamente, cousa que non aconteceu.
Do mesmo xeito que xa fixera coa solicitude de arquivo do expediente de augas de Altri, ADEGA pon á disposición da cidadanía un modelo de solicitude para que calquera galega ou galego poida reclamar diante da Xunta a nulidade da DIA da fatoría de Altri e, así, refrendar co seu apoio esta nova vía aberta por ADEGA para tombar o proxecto.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal