ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O TSXG paraliza cautelarmente outro proxecto...

18-04-2024

O TSXG paraliza cautelarmente outro proxecto eólico de Greenalia recorrido por ADEGA

O proxecto instalaríase a escasa distancia da zona de Rede Natura ZEC Bidueiral de Montederramo, en Ourense.


O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de notificar un Auto á organización ecoloxista ADEGA polo que acolle a súa solicitude de paralización cautelar do proxecto eólico Rodicio II, promovido por Greenalia Wind Power nos concellos ourensáns de Maceda e Montederramo. A resolución do Auto xudicial deixa suspendida a executividade da resolución pola que se autoriza o proxecto eólico, emitida pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética o pasado 12 de abril de 2023.

O alto tribunal asenta a súa decisión no feito de que “a instalación de aeroxeradores no espazo físico natural produce un impacto negativo sobre o medio ambiente, que se extende tanto ao propio ambiente, como sobre a paisaxe e o territorio” e que existen indicios racionais suficientes que certifican que tal dano é de “carácter irreversible”. Ademais, o TSXG considera inveraz a Declaración de Impacto Ambiental deste proxecto ao non avaliar correctamente os impactos sinérxicos de todos os parques eólicos que conflúen na zona e por estar “mediatizada” pola fragmentación artificiosa do proxecto.

En aplicación do periculum in mora, o alto tribunal apela ao principio de precaución do Dereito Comunitario que impón actuar con vixilancia, xa que en caso de permitir a execución do proxecto e logo estimarse o recurso, “habería que desfacer o dano á costa do erario público, ademais de prexudicar á promotora e ter danado sen remedio o medio ambiente”.

Parque eólico letal para a avifauna

O polígono eólico Rodicio II proxéctase nos concellos ourensáns de Maceda e Montederramo e prevé a instalación de 2 aeroxeradores de 180 metros de altura e de máis de 10 MW de potencia a escasa distancia do espazo natural protexido e zona de Rede Natural ZEC Bidueiral de Montederramo

ADEGA sinala que os impactos deste complexo eólico sobre a avifauna, especialmente nas poboacións de rapinas ameazadas, serían letais, dado que se proxecta moi preto dunha área prioritaria para a preservación da avifauna e é área de campeo da aguia real (Aquila chrysaetos) e do millafre real (Milvus milvus), ambas consideradas “en perigo de extinción” nos catálogos galego e español de especies ameazadas. Ademais, o Rodicio é un dos principais “sitios de interese” ou “hotspot” para a observación de aves de Galiza.

Por outra banda, ADEGA argumenta a existencia de fraude de lei pola fragmentación artificial dun macroproxecto eólico conformado por Rodicio II e Xesteirón, ambos complexos promovidos pola mesma empresa, Greenalia, a poucos metros un do outro e con infraestruturas compartidas.

Agradecementos

ADEGA expresa a súa satisfacción ante o presente auto de suspensión cautelar e quere partillar esta boa nova, agradecer e parabenizar a todas aquelas persoas, colectivos e plataformas que fixeron posible, a través da campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos (https://tipodesparalos.helpbysc.com/rodicioii), que a organización ecoloxista puidese interpoñer no TSXG recurso contencioso-administrativo contra este proxecto eólico e solicitar a súa paralización cautelar. Agora fica agardar á resolución do recurso contencioso-administrativo.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal