ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA impulsa unha campaña para salvar o espazo...

14-03-2024

Salva o Lérez. Stop A-57!

ADEGA impulsa unha campaña para salvar o espazo de Rede Natura do Lérez da autovía A-57

O tramo A Ermida-Pilarteiros da A-57, obxecto do recurso de ADEGA, racharía en dous o espazo natural protexido e zona de Rede Natura do río Lérez.


ADEGA, en colaboración coa plataforma veciñal de afectados e afectadas pola A-57 nas parroquias de Xeve e Bora, presentou hoxe en rolda de prensa a campaña de recadación solidaria “Salva o Lérez. Stop A-57”. A iniciativa está destinada a acadar os fondos necesarios para  poder emprender accións legais contra a aprobación do proxecto definitivo e estudo de impacto ambiental da autovía A-57, no seu tramo entre A Ermida (Marcón) e Pilarteiros (Xeve), no concello de Pontevedra.

O obxectivo final da campaña é poder recorrer na Audiencia Nacional a autorización da construción deste segundo treito da A-57, antes de que exerza sobre o territorio un impacto ambiental, patrimonial e social irreparábel e inasumíbel para a cidadanía pontevedresa e para o conxunto do pobo galego.

Para ADEGA, a recente autorización do segundo treito da A-57 ao carón da cidade de Pontevedra representa un paso atrás no cumprimento da normativa ambiental vixente e no camiño cara a transición ecolóxica e as políticas de mobilidade sustentábel.

Impactos ambientais e sociais anacrónicos e inxustificábeis

ADEGA fai fincapé especialmente no impacto ambiental do proxecto. As obras deste treito da A-57 partirían en dous un espazo natural integrado na Rede Natura ou rede de espazos naturais protexidos da Unión Europea. A autovía atravesaría e racharía pola metade a Zona de Especial Conservación do río Lérez, ao que se suma a construción dun viaduto de 700 m sobre o río Lérez e outros dous sobre o Rego de Xanín e o Rego de Cardosa. En total, a obra prevé unha intervención directa sobre 6000 metros cadrados de superficie ambientalmente protexida, compromentendo ademais o estado de conservación de especies vulnerables e en perigo de extinción que habitan no letio fluvial, como é o caso do mexillón de río (Margaritifera margaritifera). Ao tempo, arrasaría con flora endémica, ou propia da zona afectada, representada en varias especies de cogomelos (p.ex. Lentinellus Pontevedrensis), e con exemplares de plantas en perigo de extinción (Succisa pinnatífida).

Por outro lado, a autovía proxectada entre A Ermida e Pilarteiros, exercería un impacto sobre a veciñanza e os núcleos de poboación afectados totalmente inaceptábel e inxustificado. Prevese a expropiación e demolición dun amplo número de vivendas, fendendo polo medio, ou incluso borrando do mapa núcleos de poboación enteiros, como o de A Cascada, sen que exista ningún elemento obxectivo que o xustifique. Ademais, centos de casas quedarán soterradas nos nós de acceso, ao bordo de precipicios ou debaixo dos viadutos que se van construír nas parroquias de Bora e Xeve.

A-57: fraude ambiental e social, pero tamén legal

Ademais dos anteriores impactos, ADEGA repara na ausencia de utilidade social e pública da infraestrutura proxectada e na súa aprobación en contra das actuais políticas de mobilidade sustentable. O que comezou sendo unha infraestrutura de alta capacidade entre A Coruña e O Confurco (Ponteareas) ou “Autovía do Atlántico” sufriu ao longo dos últimos 20 anos tantas e tan substanciais modificacións que a A-57 acabou perdendo toda razón de ser, ficando  a súa concepción orixinal absolutamente desvirtuada. A A-57 acabou converténdose nunha concatenación de tramos subdivididos que actualmente non teñen coherencia e que se atopan en diferentes estados de tramitación para fins totalmente distintos ao inicial. ADEGA advirte que os tres treitos da A-57 que hoxe conforman o proxecto da malchamada “circunvalación de Pontevedra” estanse aprobando por parte do Ministerio de Transportes do Goberno do Estado de forma absolutamente fraudulenta e contraria á normativa vixente de avaliación ambiental, xa que ao tramitarse de forma separada ou fragmentada, non se están sometendo a unha avaliación  ambiental conxunta e completa que permita determinar o impacto real da infraestrutura.  

En definitiva, o treito A Ermida-Pilarteiros, e a autovía A-57 no seu conxunto, constitúen un auténtico fraude ambiental, social e legal, e un atentado contra o patrimonio natural e cultural colectivo, ademais dun enorme despilfarro de cartos públicos para conquerir a duplicidade innecesaria da AP-9, á altura da cidade do Lérez.

Igualmente, cómpre destacar que este proxecto, nunha rede viaria xa sobredimensionada coma é a galega, vai en contra das directrices europeas de emerxencia climática, que apostan polo desenvolvemento do ferrocarril como parte dunha mobilidade máis limpa e sustentable fronte ao transporte motorizado e individual por estrada, responsable de boa parte das emisións de gases de efecto invernadeiro da Unión Europea.

Fai a túa achega solidaria para salvar o Lérez!

As doazóns á causa poderanse realizar desde hoxe e durante os vindeiros 2 meses a través da plataforma online "Salva o Lérez. Stop A-57!": https://adega.helpbysc.com/stopa57

ADEGA precisa recadar un importe mínimo de 9.500 euros para poder garantir a interposición dun recurso contencioso-administrativo contra a autorización do tramo A Ermida-Pilarteiros da A-57 diante da Audiencia Nacional, así como para a elaboración do estudo ou informe ambiental no que se asente a solicitude de paralización cautelar das obras.

#SalvaOLerez #StopA57

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal