ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA presenta unha querela contra Paula Uría por...

09-02-2024

ADEGA presenta unha querela contra Paula Uría por condonar a Greenalia unha débeda millonaria coa facenda pública

Paula Uría Traba

ADEGA vén de presentar no día de hoxe unha querela criminal ante o Xulgado de instrución de Santiago de Compostela contra a ex Directora Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Paula María Uría Traba, pola posible comisión dos delitos de prevaricación e malversación, ao condonarlle á empresa Greenalia unha débeda coa facenda pública de perto de 12 millóns de euros, de forma arbitraria e en contra do ordenamento xurídico.

Os feitos constitutivos de presunto delito tiveron lugar en xullo de 2021, cando a daquela Directora Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría Traba, asinou unha resolución administrativa pola que aceptaba a proposta da empresa Greenalia de modificación do plan industrial asociado á adxudicación de megavatios para o parque eólico Campelo no concurso do bipartito de 2010. Naquel concurso eólico, a promotora inicial do parque eólico Campelo, Kaekias Eólica S.A., acadara a potencia eólica solicitada para a construción deste parque coa condición de executar o plan industrial asociado ao mesmo. Porén, co paso do tempo, Kaekias Eólica optou por non executar o plan industrial proposto e, no seu lugar, decidiu monetizalo, quedando obrigada a ingresar 11.721.971 euros no fondo de capital-risco (Sodiga) do Igape, no prazo dun mes desde a posta en funcionamento do parque eólico Campelo.

Factoría Greenalia en Teixeiro

En 2017, a titularidade deste proxecto eólico e das obrigas ligadas ao plan industrial asociado pasaron a mans de Greenalia, empresa na que actualmente ostenta un cargo directivo a ex Conselleira de Medio Ambiente do PP, Beatriz Mato. En novembro de 2019, Greenalia rexeitou facer fronte á monetización do plan industrial que formulara a súa antecesora e, por conseguinte, ao pago dos perto de 12 millóns de euros á facenda pública, e presentou unha nova proposta diante da Dirección Xeral de Planificación Enerxética da Xunta de Galicia pola que solicitaba dar por executado o plan industrial vinculado ao parque eólico Campelo. A efectos de probar a execución efectiva do plan industrial, Greenalia presentaba tres actuacións que xa tivera desenvolto no pasado, entre 2015 e 2019, e que nada tiñan que ver co plan industrial acollido no concurso de 2010.

Así, o 21 de xullo de 2021, Paula Uría, como Directora Xeral de Planificación Enerxética, aceptou o cambio da monetización polo efectivo desenvolvemento do plan industrial e, asemade, validou, a fin de dar por executado tal plan, as tres actuacións de Greenalia que non se correspondían co plan industrial proposto en 2010. Concretamente, o plan industrial proposto por Kaeikas Eólica consistía nun proxecto de secado térmico de lamas e fabricación de pellets, e Greenalia solicitou que se tivese por executado tal proxecto en base ao desenvolvemento dun negocio hoteleiro, un proxecto de buque para a exportación do sector forestal e un proxecto de xestión de biomasa. Ao abeiro da regulación do concurso eólico de 2010 non tiña cabida legal unha modificación dos proxectos industriais como a referida. Porén, a resolución administrativa asinada por Paula Uría deu por executado o plan industrial ao tempo que condonou a Greenalia unha débeda de 11.721.971 Euros, coa conseguinte lesión á facenda pública.

Arbitrariedade flagrante, notoria e patente

Parque eólico Campelo de Greenalia

A querela interposta por ADEGA argumenta a posible responsabilidade criminal de Paula Uría Traba como Directora Xeral e asinante da devandita resolución, pola que podería estar incorrendo en presuntos delictos de prevaricación administrativa e malversación de fondos públicos. Paula Uría, persoa con ampla traxectoria en postos políticos na Xunta de Galicia baixo as presidencias de Núñez Feixoó e Rueda, tería actuado, apunta ADEGA, “con radical arbitrariedade e total ausencia de base legal, desviándose da normal praxe administrativa dunha maneira flagrante, notoria e patente”.

Ademais, concorren indicios de que Paula Uría tería dado por executado un plan industrial e condonado a débeda da empresa de Beatriz Mato coa facenda pública en base a determinadas actividades para cuxo desenvolvemento Greenalia tería recibido contiosas axudas públicas. Lembra a organización ecoloxista que diversas sociedades do Grupo Greenalia cuxa actividade se centra na xestión da biomasa -actividade invocada pola empresa en desenvolvemento do plan industrial do Parque Eólico Campelo- obtiveron financiamento da Xunta de Galicia pola vía de concesión de subvencións e mesmo dun préstamo de 1.000.000 de euros, cando Beatriz Mato aínda ostentaba o cargo de conselleira.

Así mesmo, a asociación ecoloxista alerta da posibilidade de que outros supostos de condonación material semellantes se teñan dado a respecto doutros proxectos eólicos derivados do concurso do ano 2010, resultando por tal razón necesario que se proceda a fiscalizar de inmediato o proceder da Xunta a este respecto.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal