ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA denuncia na Fiscalía Ambiental a...

15-12-2023

ADEGA denuncia na Fiscalía Ambiental a contaminación das Somozas e a actuación da Xunta

ADEGA vén de presentar unha denuncia na Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG para que investigue os posíbeis danos á saúde e ao ambiente derivados das actividades empresas nas Somozas así como as actuacións da Xunta.

Nunha recente xuntanza coa Fiscal Delegada de Medio Ambiente e Incendios do TSXG, Carmen Eiró Bouza, ADEGA trasladoulle un completo informe sobre os numerosos episodios de contaminación provocados pola actividade das empresas ubicadas no polígono industrial das Somozas nos últimos 10 anos.

Destes datos pódese concluir que as actividades das instalacións radicadas neste polo de residuos son unha continua fonte de vertidos e emisións que poñen en risco a saúde ambiental e cidadá. Asemade, as actuacións das administracións tanto autonómica como local, desistindo das súas funcións de seguemento e control, contribuiron mediante o desleixo e a permisividade a converter As Somozas nun perigoso foco de contaminación.

O caso SOGARISA, exemplo de malas prácticas e ocultación de información

Un exemplo son as verteduras dun "pó branco" que no verán de 2022 provocou SOGARISA (UTE PMA-CONTECO) nos labores de inertización de refugallos perigosos con CaO (óxido de calcio ou cal viva). Mestas nubes de vapor con compostos en suspensión estendéronse polos arredores afectando a outras empresas do polígono e a fincas veciñas.

ADEGA cursou unha solicitude de información á D. X. e Calidade e Avaliación Ambiental para coñecer os resultados dos controis periódicos realizados pola Administración en aplicación do plan de vixilancia ambiental aprobado na Autorización Ambiental Integrada concedida a SOGARISA. Nunha primeira comunicación a Xunta respostou que o cumprimento da solicitude demoraría máis dun mes dada a complexidade e o volume do material solicitado. Finalmente recibimos resposta denegando o acceso a información por “interferir nun procedemento xudicial actualmente aberto” e porque entregala poría en risco a "confidencialidade de datos de carácter comercial e industrial". Ante esta denegación de acceso á información ADEGA acudíu en amparo á Comisión de Transparencia estando pendente a súa resolución.

A actitude opaca da Xunta podería agochar graves irregularidades e riscos sanitarios

A información denegada a ADEGA forma parte do expediente de AAI (Autorización Ambiental Integrada) dentro do programa de verificación do cumprimento das condicións impostas á empresa para o desenvolvemento da súa actividade. O procedemento de tramitación (nova concesión, modificación ou anovación) da AAI é público, e neste en concreto ADEGA participou no periodo de alegacións. O resultado dos controis ambientais de verificación efectuados pola Xunta en aplicación da AAI deben ser tamén públicos á marxe de seren usados nun eventual procedemento xudicial. E polo que atinxe á información de carácter comercial, os limiares e cantidades así como procedementos de verificación cuxos resultados foron solicitados por ADEGA forman parte dos condicionados da AAI, e non están suxeitos a propiedade industrial ou intelectual algunha.

A negativa da Xunta a subministrar os datos analíticos de control da actividade da UTE PMA-CONTECO (antiga SOGARISA) en apliación do Plano de vixianza ambiental derivado da AAI (Autorización Ambiental Integrada), e as sospeitas de que estes datos confirmarían graves irregularidades na actuación da empresa e da propia administración que poderían devir en danos para a saúde e o medio ambiente, xustifican a presentación da denuncia na Fiscalía Ambiental.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal