ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA achega ao alumnado de Ames os impactos das...

03-11-2023

ADEGA achega ao alumnado de Ames os impactos das especies invasoras no medio natural

A asociación ecoloxista fará unha visita guiada pola exposición sobre especies exóticas invasoras o vindeiro martes, 7 de novembro, no IESP de Ames.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, no marco do Proxecto Fluviatilis, continúa coas actividades programadas da man de centros de ensino co obxectivo de dar a coñecer as problemáticas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais, así como fomentar actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos.

Nesta ocasión, ADEGA traslada os impactos das especies exóticas invasoras no medio natural e na biodiversidade ao alumnado do IESP de Ames, a travé da mostra 'Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza', que leva instalada no colexio desde o 23 de outubro. Ademais, a equipa ambiental de ADEGA fará unha visita guiada pola exposición o vindeiro martes, 7 de novembro, co alumnado do instituto.

Na mostra e na visita guiada darase a coñecer a problemática que supoñen as especies exóticas invasoras para os ecosistemas fluviais, co foco nos impactos desde o punto de vista ambiental pero tamén económico e para a saúde humana. Así mesmo, sinalaranse exemplos das problemáticas comentadas, tanto desde o ámbito do territorio peninsular como do territorio galego, e daranse a coñecer as principais especies exóticas invasoras presentes nos ríos de Galiza.

Proxecto Fluviatilis

As actividades de educación, sensibilización e educación ambiental dirixidas a diferentes públicos, entre eles centros de ensino, son unha das propostas do proxecto Fluviatilis, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal