ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O II Plano estatal de control da contaminación...

01-09-2023

O II Plano estatal de control da contaminación atmosférica volta a esquecer as Directrices da OMS

O Ministerio vén de expoñer o II Plano de control da contaminación atmosférica para tentar cumprir cos obxectivos de redución de contaminantes atmosféricos establecidos pola UE. Porén, estes obxectivos seguen a estar moi lonxe do recomendado pola OMS, e ademais tampouco se cumpriron cos fixados no anterior Plano, superándose os valores límite (2021) para o dióxido de nitróxeno (NO2), as partículas e ou ozono troposférico (O3), entre outros contaminantes.
ADEGA vén de facer achegas ao rascuño deste II Plano de control da contaminación atmosférica reclamando que os límites de contaminantes para o horizonte do ano 2030 se aliñen co recomendado pola OMS en 2021.

Outro Plano de control máis que xa nace eivado

O rascuño do “II Plan Nacional de control da contaminación atmosférica“ non pretende rebaixar os valores máximos de concentración dos distintos contaminantes – PM₂,₅, PM₁₀, NO2, O3, SO2, CO- para adatalos as recomendacións e Directrices da OMS (2021), e tampouco establece periodos intermedios para poder cumprir coas recomendacións deste organismo nin para o ano 2025 nin mesmo para o 2030.

A lexislación europea ignora que no ano 2021 a Organización Mundial da Saúde, OMS, estableceu Novas Directrices Mundiais sobre calidade do aire, recomendando que os niveis de concentracións dos contaminantes lexislados foran máis rigorosos para protexer a saúde das persoas. A contaminación afecta a saúde humana en concentracións máis baixas do que se supoñía e mesmo algúns contaminantes ademais contribuíen ao cambio climático sendo dúas das maiores ameazas medioambientais para a saúde humana.
A Directiva 2001/81/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 23 de outubro de 2001, fai caso omiso das Directrices da OMS, e por tal motivo en abril de 2022 o Director Xeral da OMS volvía facer un chamado urxente para acelerar a aplicación das medidas propostas a fin de preservar e protexer a saúde e mitigar a crise climática. Consideraba que o 99% das persoas respiran aire insalubre pola contaminación atmosférica, de xeito que cada ano a exposición á contaminación do ar causa 7 millóns de mortes prematuras e provoca a perda de moitos millóns de anos de vida saudábel.

Na actualidade a poboación e os ecosistemas están expostos a niveis máis elevados de contaminación que os propostos pola Organización Mundial da Saúde. No ano 2023 seguimos ignorando as Directrices da OMS aínda que dende as administracións insistan en afirmar que cumpren coa lexislación vixente. Os riscos para a saúde asociados por exemplo ás partículas en suspensión cun diámetro igual ou inferior a 10 e 2,5 micras (µm) (PM₁₀ e PM₂.₅, respeitivamente) son de especial relevancia para a saúde pública. Tanto as PM₂,₅ como as PM₁₀ son quen de penetrar profundamente nos pulmóns, mais as PM₂,₅ mesmo poden entrar no sangue, afectando principalmente aos sistemas cardiovascular e respiratorio, así como a outros órganos. As PM xéranse principalmente pola queima de combustíbeis en diferentes sectores como o transporte, enerxía, industria... En 2013, a Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC) da OMS clasificou a contaminación do aire exterior e as partículas como canceríxenas.

Estado e Xunta propoñen obxectivos desfasados e pouco ambiciosos

Os desfases entre lexislación europea (e portanto estatal e galega) e as Directrices da OMS son evidentes como se observa na seguinte táboa.
As directrices da OMS non son xuridicamente vinculantes, mais son unha ferramenta baseada na evidencia científica que recomenda como nivel de calidade do aire para PM₂,₅ valores de 5 μg/m3 anual e 15 μg/m3 para 24 horas. En ambos casos a OMS establece a posibilidade de metas intermedias de redución que a Xunta e o Goberno do Estado poderian adoptar para preservar a saúde da cidadanía.
Asemade, para Galiza podería establecerse a Meta intermedia 4 (documento de Directrices da OMS de 2021) para cumprir entre os anos 2024 a 2028 para as PM₂,₅: por baixo de 10 μg/m3 de media anual e mensual e inferior a 20 μg/m3 para 24 horas, fixando un máximo de horas nestas circunstancias. Deste xeito para o 2030 converxeriamos coas Directrices OMS.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal