ADEGA

Inicio / Buscador / O Goberno de España e a Xunta ameazan a poboación...

07-02-2023

O Goberno de España e a Xunta ameazan a poboación de aguia real en Galicia

A aguia real (Aquila chrysaetos) en Galicia mantén unha pequena poboación, en Perigo de Extinción segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, que sobrevive nos lugares menos humanizados da montaña de Ourense e Lugo. Esta especie, da que non más de media ducia de parellas se reproducen cada ano en territorio galego, é unha das máis afectadas pola masiva implantación de polígonos eólicos e infraestruturas asociadas en lugares coincidentes ou moi próximos ás súas zonas de reprodución, de campeo e a posibles áreas de expansión, moi necesarias para asegurar a recuperación e viabilidade da especie a longo prazo.

Ademais, outras especies consideradas En Perigo de Extinción en Galicia como o millafre real (Milvus milvus) e mesmo o oso pardo (Ursus arctos) veranse seriamente afectadas pola proliferación de proxectos eólicos na montaña oriental, algúns deles xa na última fase de tramitación para a súa aprobación definitiva. Para especies cunha acusada diminución das súas poboacións nos últimos anos, como a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus) -as dúas Vulnerables no Catálogo Galego de Especies Ameazadas-, a execución destes proxectos eólicos suporían estragar as zonas de media/alta montaña onde teñen os seus últimos refuxios, algo que se acentúa, se cabe aínda máis, no contexto actual de cambio climático. En liñas xerais, os novos proxectos eólicos supoñen unha grave ameaza para a biodiversidade galega, destruíndo enormes extensións de hábitats de importancia europea segundo a Directiva 92/43/CEE (Directiva de Hábitats), así como as especies asociadas a estes.

A pesares de que en Galicia, dende a aprobación do plan director de Rede Natura 2000, está prohibida a instalación de novos polígonos eólicos nos espazos distinguidos con esta figura de protección europea, o certo é que moitos dos proxectos da montaña oriental se planifican nos límites das zonas protexidas ou mesmo en espazos incluídos nas malogradas ampliacións da Rede Natura 2000 esbozadas nos anos 2008 e 2011, supoñendo un grave impacto para os valores ambientais e paisaxísticos destes espazos. Neste sentido, a administración galega non está a tomar as medidas apropiadas para evitar nos espazos da Rede Natura 2000 a deterioración dos hábitats naturais e dos hábitats das especies ameazadas e prioritarias, así como as alteracións que repercutan nelas, tal como recolle a lexislación estatal e europea. Cabe resaltar que Galicia conta con escasamente o 12% do seu territorio incluído na Rede Natura 2000 (aproximadamente a metade da media estatal e dez puntos menos que a media europea) e que unha parte importante destes espazos xa contan con parques eólicos na súa superficie. Por outra banda, tan só 4 das 200 especies do Catálogo Galego de Especies Ameazadas contan con plans de conservación ou de recuperación aprobados e por tanto a información da que se dispón para a súa xestión é escasa e nesgada.

Neste escenario de implantación masiva de enerxías pretendidamente “verdes e renovables”, con nula sensibilidade e escaso control ambiental, os proxectos que máis comprometen a viabilidade das últimas aguias galegas son os que afectan ao LIC Ancares-Courel, á contorna do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, ao Macizo Central e á montaña de Trevinca.

O caso do LIC Ancares-Courel e da contorna do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra

Ancares-Courel é un dos espazos máis senlleiros da montaña oriental, albergando hábitats e especies de alto interese para a conservación, ademais de importantes valores paisaxísticos e culturais asociados. Actualmente, están en fase de tramitación unha serie de proxectos eólicos na fronteira deste espazo coa provincia de León que de levarse a cabo incidirían de forma moi acusada nos obxectivos de conservación deste LIC, afectando á continuidade e coherencia ecolóxica da Rede Natura 2000, especialmente no relativo á conservación do oso pardo, especie En Perigo de Extinción que no seu proceso de recuperación e expansión atopa nestas montañas galaico-leonesas un territorio de importancia crítica para asegurar a súa conservación global.

A única parella de aguia real na provincia de Lugo, e como vimos recalcando, unha das poucas existentes en Galicia, reprodúcese ao sur do Courel, moi preto do límite do espazo natural e tamén preto do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, xa na provincia de Ourense. Nas últimas semanas véñense de aprobar as DIAs de 3 polígonos eólicos (Xeada, Neboada e Orballeira) que se sitúan entre as provincias de Lugo e Ourense, nos concellos de Quiroga, Vilamartín de Valdeorras e A Rúa e que poñen en perigo extremo a viabilidade desta parella. Cómpre subliñar que se dispoñen de observacións de aguias reais alimentándose DENTRO destes polígonos eólicos. Este impacto sería o golpe de graza para a única unidade reprodutora da provincia de Lugo, que xa ven arrastrando a degradación paulatina do seu hábitat pola apertura de pistas e cortalumes sen control, as macroplantacións con piñeiros, os lumes reiterados, a actividade mineira e mesmo as carreiras de trail. Todo isto coa pasividade da Xunta de Galicia que non é quen de aprobar, 15 anos despois da súa licitación, o plan de recuperación da especie, nin de actuar para impedir e reparar os impactos que sufre esta zona sur do LIC e a área limítrofe de Ourense situada a carón do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, un territorio periférico que forma parte das áreas de campeo da especie.

A ZEPA-ZEPVN-LIC de Trevinca

O macizo de Pena Trevinca, que inclúe o punto máis alto de Galicia e valores naturais singulares como o Teixedal de Casaio, é un espazo Rede Natura 2000, con figuras de protección como Zona de Especial Protección para as Aves, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Lugar de Interese Comunitario. Esta área conserva a maior densidade de águia real en Galicia, cun mínimo de 3 territorios, algún deles coa ameaza dunha afección directa por proxectos de implantación de aeroxeradores, como o Parque Eólico de Prada nos concellos do Barco de Valdeorras, A Veiga e Carballeda de Valdeorras.

A afección deste proxecto na Serra do Eixe, contigua ao macizo de Pena Trevinca, sería directa e de altísimo impacto sobre unha das zonas de nidificación de aguia real, xa que contempla a ubicación de 16 aeroxeradores rodeando completamente os cortados no que nidifica esta especie protexida, algún deles a menos de 500 m. Ademais, o proxecto Alto Cabrera, de tramitación estatal, tamén tería un impacto grave e sinérxico neste espazo, significativamente na poboación de aguia real desta área.

A ZEC do Macizo Central

O Macizo Central ourensán, libre da implantación de eólicos ata agora, é a zona mais extensa de Galicia sen asentamentos humanos. Inclúe dúas Zonas de Especial Conservación (“Macizo Central” e “Bidueiral de Montederramo”) e o Parque Natural do Invernadoiro, nas que se pretende eliminar parte dos seus valores paisaxísticos e ambientais coa ameaza da implantación dos proxectos do Parque Eólico de Rebordechao, de tramitación estatal, e os proxectos do Parque Eólico do Rodicio, Parque Eólico de Chandrexa e Parque Eólico de Fial das Corzas, estes 3 últimos de tramitación autonómica. A continuidade xeográfica destes proxectos suporía unha liña case continua que bordearía aproximadamente o 50% do contorno do macizo central, zonas na que a aguia real mantén como mínimo dous territorios de reprodución e que afectarían a diferentes zonas de campeo e alimentación para a especie.

A estratexia de proxectar a ubicación de aeroxeradores no bordo mesmo de espazos da Rede Natura 2000 consideramos é legalmente reprobable, xa que a afección é manifesta e directa sobre especies ameazadas, como a aguia real, que fundamentaron no seu orixe a catalogación destas áreas da montaña luguesa e ourensá como espazos protexidos.

Dende a Sociedade Galega de Ornitoloxía, a Sociedade Galega de Historia Natural, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza e o Grupo Naturalista Hábitat, entidades asinantes desta nota de prensa, solicitamos que se tomen medidas para a protección efectiva da aguia real en Galicia e se aprobe inmediatamente o seu plan de recuperación (xa con máis de 15 anos de retraso), implementándose desde xa as medidas de conservación necesarias para a conservación da especie. Pola nosa parte, temos presentado informes e alegacións aos distintos trámites administrativos e estudos de impacto ambiental dos proxectos mencionados, a maior parte das veces sen recibir sequera resposta, e seguiremos coas accións e trámites necesarios para a paralización destes proxectos eólicos que poñen en perigo a esta especie xa que queremos seguir contando cos voos da “Raiña das Aves” na nosa terra!!

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2023

Asinan:
- Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO)
- Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)
- Asociaciación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).
- Grupo Naturalista Hábitat

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal