ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA formou máis de 60 profesionais en...

29-12-2022

ADEGA formou máis de 60 profesionais en compostaxe durante o ano 2022

Finalizado en decembro o último curso de 2022, ADEGA fai balanzo anual do seu programa de formación en mestría de compostaxe.

A Asociación Ecoloxista ADEGA clausurou a semana pasada, no concello de Fene, a última das catro formacións do Programa Empleaverde denominadas “Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada”. Este programa formativo, dirixido a persoas en situación de desemprego, contou cunha alta participación nos catro concellos nos que se celebrou, conseguindo formar e capacitar a máis de 60 profesionais en compostaxe en Ames, Moaña, Tomiño e Fene.

Formación técnica e profesional sobre compostaxe

O obxectivo das accións formativas foi dotar ao alumnado dunha visión completa sobre a problemática actual dos residuos, capacitando a profesionais sobre as técnicas de compostaxe, os usos do compost, e nas habilidades específicas para desenvolver programas de educación ambiental. Cada formación tivo unha duración de 100 horas presenciais, impartidas en sesións teóricas e prácticas nas se promoveu a compostaxe como xestión sustentable dos biorresiduos, sempre a través dunha aprendizaxe activa, favorecendo o desenvolvemento integral do alumnado dende unha perspectiva ampla. Así, durante a formación, realizáronse diferentes actividades relacionadas coa xeración, tipoloxía e separación en orixe dos residuos, co proceso e as técnicas de compostaxe, coa implantación de proxectos de compostaxe e actividades de deseño, execución e avaliación de campañas de divulgación e sensibilización ambiental.

Na parte práctica, o alumnado realizou diversas actividades, tales como montaxe de composteiros, fabricación de peneiras para o  cribado do compost e test de xerminación, así como operacións de mantemento, medición de parámetros e toma de datos nos composteiros domésticos e comunitarios dos programas de compostaxe escolar do CEIP de Barouta en Ames,  no caso de Moaña e Tomiño, nas áreas de compostaxe comunitaria implantadas na vila, e finalmente no concello de Fene, na área de compostaxe comunitaria situada nas inmediacións do centro ocupacional ASPANEPS.

Todos os cursos impartidos contaron cunha visita guiada á planta de substratos e fertilizantes orgánicos Ecocelta, na que o persoal técnico explicou a todo o alumnado esta iniciativa empresarial, o seu funcionamento diario no proceso de xestión dos residuos mediante a compostaxe así como a obtención do produto final para a venda. Tamén houbo lugar para actividades de aproximación á educación ambiental, tales como Proxecto Ríos, roteiros interpretativos e limpeza de praias e ríos.

Peche dos cursos e acreditación

Todos cursos finalizaron coa celebración dun acto de clausura no que docentes e almunado compartiron experiencias e reflexións sobre os principais retos de futuro, así como diferentes obradoiros de reciclaxe e compostaxe, petiscos e finalmente a entrega dos certificados a todo o alumnado. Os actos de peche tiveron lugar en na Aula da Natureza de Ames, no Padroado Municipal Beiramar de Moaña, na Escola Obradoiro de Goián de Tomiño e na Aula do Departamento de Cultura de Fene, todos eles espazos cedidos polos respectivos concellos.

Balanzo final moi positivo

ADEGA fai un balanzo moi positivo do programa de capacitación en mestría de compostaxe desenvolto en 2022, xa que se conseguiu formar e capacitar a máis de 60 profesionais en compostaxe en Ames, Moaña, Tomiño e Fene. Ademais, os catro cursos conseguiron atender ás necesidades formativas de persoas pertencentes a colectivos prioritarios de persoas desempregadas, xa que o 50% das participantes foron mulleres e persoas maiores de 45 anos, e un 25%, menores de 35 anos. Tamén houbo presenza de persoas con diversidade funcional e migrantes en todos os cursos.

A coordinadora do proxecto en ADEGA, María Amigo, destaca a calidade humana de todo o alumnado dos diferentes cursos “xa que funcionaron moi ben como grupo, superando todas as expectativas. Estamos moi satisfeitas co traballo realizado, do que levamos moitas amizades e unha grande aprendizaxe, porque a educación ambiental é de ida e volta. Dado que estamos en datas sinaladas, queremos pedirlle ao vindeiro ano o poder darlle continuidade a este proxecto e que todo o alumnado na medida do posible atope un traballo de calidade, porque a compostaxe ofrece oportunidades laborais de futuro ”.

Agradecementos

Dende ADEGA queremos amosar o noso agradecemento e agarimo a todas as persoas participantes polo seu compromiso e implicación persoal ao longo do programa de formación, así como aos Concellos de Ames, Moaña, Tomiño e Fene pola súa disposición e cesión das espazos para a realización das formacións. Agradecemos tamén a Ecocelta Galicia S.L. pola súa confianza e boa acollida nas catro visitas, ao Complexo Medioambiental da Serra do Barbanza e a Viveiros Río Tollo. Asemade, trasladamos un especial agradecemento á asociación ASPANEPS, polo seu bo facer e por toda a aprendizaxe ao longo do curso e ao CMI Unidade de Fene.

Este proxecto foi cofinanciado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa Empleaverde, iniciativa para o impulso e a mellora do emprego, o emprendemento e o medio ambiente. Está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación 2014-2020.

“Acción gratuíta cofinanciada polo FSE”. “Conseguir formación e un emprego de calidade”

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal