ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA reclama a eliminación urxente do xacinto...

14-11-2022

ADEGA reclama a eliminación urxente do xacinto acuático nas praias e zonas húmidas

Xacinto de auga en flor, fotografado o 9 de novembro de 2021 preto do peirao de Santa Cristina, concello de Vilaboa. Foto: Ramsés Pérez/inaturalist.

ADEGA alerta sobre unha incipiente expansión do xacinto acuático, unha planta exótica invasora que actualmente está a proliferar en numerosas praias das Rías Baixas, á vez que está a poñer en perigo as zonas húmidas galegas, como as lagoas das Cachadas, en Sanxenxo, ou o rego de Trabe en Culleredo.

A asociación ecoloxista condena a introdución presuntamente deliberada de especies invasoras no medio natural e reclama ás administracións públicas competentes na Xunta e no Estado que se ateñan ao disposto polo artigo 8, do Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras: “as comunidades autónomas (…) e a Administración Xeral do Estado, no marco das súas competencias, realizarán o seguimento xeral das especies exóticas con potencial invasor”, e engade, no seu artigo 9 de Medidas urxentes, que: “No caso de constatarse a existencia dunha ameaza grave producida pola aparición dunha especie exótica invasora, incluída ou non no catálogo (…) aplicaranse de forma urxente, por parte das comunidades autónomas (…) e a Administración Xeral do Estado (…) as medidas necesarias para o seguimento, control e posible erradicación da citada especie”.

As toneladas desta planta que están a aparecer nos areais galegos poderían mesmo invadir regatos próximos ou ser transportados a xardíns e novas zonas húmidas. Así pois, ínstase á Xunta e ao goberno do Estado que tomen cando menos as seguintes medidas: 1. A eliminación inmediata das poboacións de xacinto acuático tanto da barreira das Cachadas en Sanxenxo como das outras poboacións detectadas, en especial a do rego de Trabe en Culleredo; 2. A revisión bimestral de todos os puntos onde se teñan detectado xacintos acuáticos, mesmo se houbo eliminacións (por exemplo en varias lagoas do concello de Sanxenxo) na procura de eventuais poboacións desta planta invasora; e 3. A investigación sobre a orixe de procedencia dos xacintos acuáticos, sexa unha empresa comercializadora ou particulares, coa preceptiva depuración de responsabilidades.

En todo caso, ADEGA insta á Xunta a que realice unha prospección máis detallada de posibles puntos de venda de plantas exóticas con potencial invasor en toda Galiza, para a detección desta e doutras especies invasoras.

Unha planta verdadeiramente perigosa

Aspecto das masas esparexidas na lagoa das Cachadas con data 7 de agosto de 2018. Foto: Emilio Martínez Sabarís.

Segundo figura no informe do Grupo de Especialistas en Especies Invasoras da Unión Internacional pola Conservación da Natureza (IUCN/GISD, polas súas siglas en inglés), o xacinto acuático (Eichhornia crassipes (Mart.) Solms=Pontederia crassipes Mart.) é unha das 100 especies invasoras máis perigosas do mundo, detectada xa en 50 países dos cinco continentes. É unha planta vascular de orixe sudamericana, con crecemento moi rápido, con poboacións que se duplican en tan só 12 días e que chegan a tapar a luz solar no fondo de zonas húmidas, diminuíndo a concentración de osíxeno e reducindo a diversidade florística de especies somerxidas. Na Península Ibérica infesta numerosos cursos de auga en Portugal (desde o distrito de Viana do Castelo ao sur ata o Algarve), así como ríos en Estremadura e Andalucía.

No Estado español está prohibida a súa comercialización desde o ano 2011, e dous anos despois incluíuse no Catálogo Español de Especies Invasoras. Preto de Galiza, o río Cávado atópase parcialmente afectado por esta praga. Os ríos ibéricos afectados polo xacinto acuático son obxecto de mapeo e eliminación dentro do proxecto Life Invasaqua.

O lamentable exemplo de Sanxenxo

O 7 de agosto de 2018 Emilio Martínez Sabarís detectou por primeira vez en varias das lagoas de Rouxique e A Fianteira (Sanxenxo) fragmentos de xacintos acuáticos en zonas doadamente accesibles destas barreiras, suxerindo unha introdución “deliberada” e moi recente. As barreiras eran regularmente visitadas por naturalistas, mesmo no mes anterior á detección deste lamentable evento, polo que se conclúe que se produciu en días precedentes.

Tras esta introdución presumiblemente deliberada, varios naturalistas locais realizaron unha urxente labor de eliminación desas novas masas incipientes de xacinto acuático, e denunciouse perante as autoridades. Así e todo, co paso do tempo non houbo control por parte da gardaría do espazo natural e o xacinto acuático aínda se mantiña acantoado nunha das barreiras de Rouxique (a das Cachadas). Os veráns calorosos de 2021 e, especialmente, de 2022, deberon facilitar o crecemento dos propágulos que non se puideron eliminar derivando a día de hoxe nunha faixa de xacinto acuático moi preocupante na barreira das Cachadas.

Propagación noutros puntos da Galiza

Aparte deste núcleo de Sanxenxo, existen outros focos potenciais de propagación na contorna galega. Os rexistros desta planta exótica invasora son cada vez máis frecuentes, sendo especialmente apreciable a súa proliferación nas últimas semanas en zonas litorais e praias dos concellos de O Grove, Boiro, Ribeira, Porto do Son, Vilaboa, Culleredo ou Vigo. Incluso se teñen rexistros do xacinto de auga nos areais do arquipélago das Illas Cíes. (Ver REXISTRO).

Paradoxalmente, o xacinto acuático é a miúdo unha planta discreta, e moitos dos seus núcleos están a pasar desapercibidos. Desde ADEGA, agradécese ás persoas observadoras da natureza que introduzan as súas citas de xacinto nas plataformas de ciencia cidadá para poder facer un seguimento rigoroso da actual problemática.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal