ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Máis de 200 colectivos acudirán este domingo á...

03-06-2022

Máis de 200 colectivos acudirán este domingo á manifestación do Día do Medio Ambiente por unha enerxía por e para o pobo

A Coordinadora Eólica Así Non acada a adhesión de 223 entidades e plataformas galegas de diferente índole (ecoloxistas, veciñais, culturais, sociais, sindicais, políticas…) que se botarán ás rúas de Compostela o vindeiro domingo, 5 de xuño, Día Internacional do Medio Ambiente, para reclamar un modelo enerxético xusto coa sociedade galega e sustentábel co medio ambiente. Tras o anuncio público da convocatoria da marcha, o pasado 25 de maio, sumáronse a esta causa outras 32 entidades a maiores das que xa participaron en anteriores mobilizacións convocadas pola coordinadora e que recibiron un multitudinario apoio, como a manifestación do 5 de xuño de hai un ano, ou a celebrada en todo o país con motivo do Días das Montañas, o pasado 11 de decembro.

Resulta cada vez máis evidente a falta de planificación e ordenación do actual desenvolvemento de enerxías renovábeis, nomeadamente a eólica, que volve colocar a Galiza nunha situación de extrema ameaza ambiental e social, tanto en terra como no mar, baixo a escusa dunha “transición ecolóxica”, dirixida actualmente polas grandes multinacionais da enerxía coa conivencia e sumisión das administracións públicas. Máis de 275 proxectos eólicos, coas súas liñas de evacuación, están actualmente en tramitación na Xunta que, sumados aos proxectos de competencia estatal, xa superan os 300. Ante tal espolio eólico do territorio galego e a falta de amparo por parte das administracións públicas, máis preocupadas en dar facilidades ás grandes coorporacións depredadoras, non é de extranar que cada vez sexa máis amplo o rexeitamento social da poboación galega ao actual modelo enerxético.

Por iso, o vindeiro domingo, 5 de xuño, coindicindo co Día Mundial do Medio Ambiente, as máis de 200 organizacións que forman parte de Eólica Así Non convidan á sociedade galega a participar nunha grande mobilización en Santaigo de Compostela co obxectivo de manifestar o apoio ás fontes de enerxía renovábel pero a través dun modelo enerxético de implantación xusto e sustentábel, concibido para dar servizo ao pobo e ao interese público e no que teña cabida o autoconsumo e outras formas de produción alleas ao oligopolio enerxético. No Manifesto “Temos Alternativa!”, a Coordinadora establece 9 principios fundamentais sobre os que se debe construír a alternativa enerxética do país: 1. Protección da Natureza; 2. Preservación dos caladoiros de pesca e corredores ecolóxicos mariños; 3. Coidado do Patrimonio; 4. Compatibilidade coa soberanía alimentaria; 5. Aforro e eficiencia enerxética antes que aumento da xeración; 6. Soberanía sobre os nosos recursos fronte ao espolio enerxético; 7. Planificación enerxética con fins socioambientais e ao servizo do país; 8. Participación pública activa; e 9. Preservación da saúde pública.

As adhesións de novas entidades ou colectivos á Coordinadora Eólica Así Non e á manifestación “Temos Alternativa!” do vindeiro domingo, pódense seguir facendo no formulario: https://bit.ly/adhesions5x

A manifestación tamén conta co apoio de persoas recoñecidas na Galiza de diferentes artes e disciplinas culturais que nos últimos días axudaron á coordinadora Eólica Así Non a alentar á sociedade galega a participar nesta gran marcha por un modelo enerxético alternativo: Son da Rúa, Dios Ke Te Crew, A Banda da Loba, Xurxo Souto ou Toñito de Poi, grupo ITH, do eido musical; escritoras e contadores como Luz Fandiño, Suso de Toro, Iván García, Valentín Carrera, Olga Novo, Celso Sanmartín; ou personalidades ligadas aos mundos do teatro, cine e televisión como Quico Cadaval, Vitor Mosqueira, Rocío Barrio, Melania Pérez Cruz, Margarita Ledo, Mónica Caamaño, Anxo Baranga, Mabel Rivera, Enrique Banet, Nieves Rodríguez, Gloria Mascuñana, entre outros.

Servizo de buses para a manifestación

As persoas que desexen achegarse á manifestación do domingo poderán facelo nalgúns casos a través de servizos gratuitos de autobuses que porán á disposición dos manifestantes algunhas das plataformas veciñais e concellos afectados pola actual vaga eólica.

Poderán facer uso destes servizos aquelas persoas ou colectivos que procedan das seguintes localidades e comarcas: 

-O Morrazo. Teléfonos para reserva de praza: Cangas (676 479 447), Marín (676 011 319), Bueu (616 784 273), Moaña e Vilaboa (662 094 951).

-Betanzos, Oza-Cesuras, Curtis e Mesía. Tfno reservas: 643 704 706.

-Ferrolterra-Ortegal. Teléfonos reservas: 649 178 619 (Fran) ou 630 971 170 (Silvia).-A Baña. Teléfonos reservas: 626 800 673.

-A Pastoriza-Meira-Lugo. Teléfonos para reservas: 677 490 669.

-Vila de Cruces

-Anca-Neda (Ferrolterra). Teléfonos para reservas: 655 389 992 (Paco), 661 766 173 (Ricardo).

Percorrido con destino á Praza do Obradoiro

O percorrido da marcha dará comezo ás 12:00 horas na Alameda de Santiago de Compostela e discorrerá polas rúas do casco histórico (Rúa da Senra, Praza de Galiza, Rúa Doutor Teixeiro, Rúa República do Salvador, Rúa do Hórreo, Rúa das Orfas, Cantón do Toural, Rua do Vilar, Rúa Xelmirez, Rúa de Fonseca, Rúa do Franco) con destino de chegada na Praza do Obradoiro.

Ao pé da Catedral de Santiago terá lugar a lectura do manifesto “Temos alternativa!” a cargo dunha representación da extensa lista de plataformas veciñais de afectados/as que  hoxe en día están a sufrir de forma máis directa os efectos da actual invasión eólica. O acto estará conducido pola actriz Isabel Risco e o contactontos Lois Pérez, acompañados dun grupo de música tradicional.

Desta volta, Eólica Así Non pretende encher a Praza do Obradoiro con milleiros de manifestantes como xa conseguira hai agora un ano, tamén con motivo do Día do Medio Ambiente e contra a invasión eólica, co obxectivo de dar visibilidade ao gran rexeitamento social de Galiza ao actual modelo enerxético e á necesidade imperiosa de procurar unha alternativa máis xusta e sustentábel.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal