ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA e o Proxecto Ríos celebran o día...

19-05-2022

ADEGA e o Proxecto Ríos celebran o día Internacional da Biodiversidade

Realizaranse accións de voluntariado no río Tea e en Carballo

O vindeiro domingo, 22 de maio, celébrase o Día Internacional da Diversidade Biolóxica que trata de facer unha chamada de atención sobre o valor que posúen todas as formas de vida e os ecosistemas para a saúde do planeta. O Proxecto Ríos e ADEGA realizarán ao longo da vindeira fin de semana diferentes actividades que van no camiño de favorecer precisamente a preservación da biodiversidade e que honran o lema escollido este ano pola Secretaría do Convenio sobre a Diversidade Biolóxica (CDB) para o Día da Biodiversidade 2022: "Construír un futuro compartido para todas as formas de vida".

Campo de voluntariado no río Tea

O venres 20 de maio, daremos comezo ao Campo de Voluntariado Ambiental no río Tea para a eliminación de flora exótica invasora. Os campos do Tea, desenvoltos nos concellos de Covelo e Mondariz, son a continuación dos traballos realizados ao abeiro do programa de Voluntariado en Ríos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que comezaron en 2007. En 2022 realizaranse dous campos de voluntariado ambiental, co financiamento da Confederación Hidrográfica do Miño – Sil: un deles terá lugar nesta fin de semana do 20, 21 e 22 de maio, e outro no mes de setembro. Con este son xa 15 anos loitando contra as invasoras no río Tea, o que o converten nunha das iniciativas de voluntariado ambiental de maior percorrido no país.
Voluntarios e voluntarias de toda Galiza traballarán na eliminación de flora exótica invasora presente en diferentes treitos do río Tea (localizados no LIC río Tea ES1140006). As especies a eliminar son plántulas de dúas árbores (Acacia dealbata e A. melanoxylon) coñecidas vulgarmente como mimosas. Tamén se actuará sobre outras especies como o bambú (Phyllostachys spp.), a tintureira (Phytolacca americana) ou a falsa acacia (Robinia pseudoacacia). Para estas actividades, o voluntariado terá cubertos os gastos de aloxamento e manutención e contará con seguro de accidentes e de responsabilidade civil e coa ferramenta axeitada.
Dentro do Campo do Tea, o domingo 22 realizaremos unha Descuberta de Biodiversidade do río Alén, afluente do Tea, que conta cun grande patrimonio natural, e un inventario da fauna e da flora presente.

Visita ás microrreservas de Baldaio

Outra das actividades que se promover por ADEGA e Proxecto Ríos para o día da biodiversidade será unha visita ás Microrreservas de flora de Carballo, situadas na complexo intermareal de Razo Baldaio, na que participaran Stoas, grupo de scouts de A Coruña. Na saída descubrirase a valiosa diversidade natural do espazo natural protexido e realizaranse tarefas de coidado do seu patrimonio natural ligadas á problemática do lixo mariño e ás especies exóticas invasoras. A xornada estará encadrada no proxecto “Voluntariado ambiental para a conservación dos humidais e da flora da Costa da Morte”, que conta co apoio de CaixaBank.

O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA que conta co apoio de Augas e Galiza e CH Miño – Sil.  A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal