ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O movemento ecoloxista logra que 1.131 humidais...

26-04-2022

O movemento ecoloxista logra que 1.131 humidais pasen a ser zonas protexidas nos novos Planos Hidrolóxicos

Galiza, a terra dos máis de 1000 humidais... sen protección

Mapa dos humidais de Galiza. IBADER

A figura de humidal protexido galego criouse durante o goberno bipartito mediante o Decreto 127/2008, ao que xa de entrada incorporáronse os 5 humidais Ramsar declarados polo Estado en Galiza. A mesma norma, criaba tamén o Inventario de Humidais de Galiza (IHG), paso previo para incorporar novos humidais protexidos. Porén, e malia a que dende 2003 o IBADER tiña xa elaborado un Inventario con máis de 1.100 humidais galegos, a Xunta negouse a tramitar a protección destes espazos e en 15 anos só se declarou (2021, e en realidade fíxoo o Estado) 1 humidal máis como protexido: o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Durante todo este tempo, o país dos 1.000 ríos e dos máis de 1.100 humidais tiña unicamente protexidos outros 5 espazos máis: as rías do Eo e Ortigueira, a lagoa de Valdoviño e os complexos Umia-Ogrobe e Corrubedo, aliás do máis recente das Illas Atlánticas. Mentras, todo tipo de infraestruturas e intervencións sobre o territorio, incluidas ducias de parques eólicos e centos de plantacións de eucaliptos ocuparon e degradaron numerosas zonas húmidas, aproveitando este intencionado baleiro legal.

Mais ao cabo esta "anomalía administrativa" e este desleixo secular da Xunta para cos nosos humidais vaise compensar através da actualización de dúas ferramentas de planificación hidrolóxica: os Planos Hidrolóxicos de Galiza Costa, competencia da Xunta e o da demarcación Miño-Sil, dependente do Ministerio para o periodo 2021-2027.
Entre outras propostas, a representación ecoloxista trasladou a necesidade de incorporar como zonas protexidas o conxunto dos humidais inventariados no catálogo do IBADER dende o 2003.
Finalmente, as nosas demandas ao respeito veñen de ser aceptadas e figuran xa nos documentos definitivos de planificación que en breve serán publidados no DOG e BOE. E é que no contexto da actual mudanza climática, a Directiva Marco da Auga impón especiais medidas de conservación para as zonas húmidas en sentido amplo: ríos, lagos, xunqueiras, brañas, turbeiras e gándaras adquiren unha dimensión chave e a súa protección tórnase estratéxica para amortecer os efectos adversos do clima, capturar carbono, regular o ciclo hídrico e manter a bodiversidade. Toda zona húmida é un tesouro que hai que protexer, porque literalmente nela vainos a vida.

A invasión eólica bate cun novo atranco: as zonas húmidas protexidas

Os parques da ex-conselleira Mato sobre a Lagoa de Alcaián

A reticencia das administracións a tomar en serio a protección dos nosos humidais provocou que moitos deles foran ocupados e degradados por todo tipo de infraestruturas, nomeadamente parques eólicos e plantacións de eucaliptos. A nova vaga eólica que enche os despachos oficiais con centos de proxectos deberá ter en conta agora a presenza destas novas zonas húmidas protexidas, tanto polas afeccións directas (pistas, gabias, plataformas, liñas de evacuación...) como indirectas e sinérxicas.
Nalgúns casos será xa tarde, como para o Pozo da Lagoa en Corme, desfeita polo repotenciamento do parque eólico do mesmo nome (EDP renovables), recentemente anulado polo TSXG xa que a Xunta reducíu ilegalmente o prazo de consulta do Estudo de Impacto Ambental. Ou para as dúas lagoas que os parques eólicos Sasdónigas I e II (Norvento) degradaron en Mondoñedo e Abadín, infraestruturas tamén declaradas ilegais polo TSXG en 2020 por fragmentación irregular. E por suposto será tamén moi tarde para as turbeiras e matogueiras higrófilas do Xistral, arrasadas durante o fraguismo.
Porén, moitos outros humidais ameazados por eólicos aínda poden ser salvados da desfeita ao pasaren a formar parte das zonas protexidas nas planificacións hidrolóxicas. Tal é o caso da lagoa de Alcaián, ameazada nada menos que por 3 parques eólicos de Greenalia, a empresa da ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato... 

ADEGA insta á Xunta e ao Ministerio a revisar de oficio as autorizacións ambientais concedidas para os parques aínda non construidos ou en tramitación que poidan afectar a algún dos 1.131 humidais arestora incorporados aos documentos de planificación hidrolóxica das bacías da súa respeitiva competencia. O contrario sería outro exemplo da política de feitos consumados no que os poderes públicos voltarían ser cómplices da depredación dun patrimonio público tan sensíbel como son as nosas zonas húmidas.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal