ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA e Narón alertan sobre a expansión dunha...

18-04-2022

ADEGA e Narón alertan sobre a expansión dunha planta invasora na Costa Ártabra

HELICRISUM PETIOLARE

ADEGA-Ferrolterra, xunto co Concello de Narón, por medio do seu concelleiro de Medio Ambiente, Santiago Galego, vñeen de denunciar diante da Consellaría de Medio Ambiente a expsansión descontrolada que está experimentando unha planta exótica invasora na Costa Ártabra, nomeadamente no municipio de Narón. Trátase da especie Helicrisum petiolare.

Desde ADEGA e o concello de Narón denuncian a situación de abandono que sofre a ZEC Costa Ártabra por parte da Xunta de Galiza, e lembran que este espazo natural único forma parte da Rede Natura 2000 e con numerosas figuras de protección.

Solicitan á Conselleria de Medio Ambiente da Xunta de Galiza que faga un estudo de control e erradicación desta planta invasora para mitigan no posíbel o seu impacto sobre os hábitats e especies vexetais e animais protexidas nesta Zona de Especial Conservación. 

Novos datos da coroloxía de Helichrysum petiolare na costa galega

Figura 1

Os compañeiros Xabier Varela e Cosme Damián Romay envían este mapa (Figura 1*) resultado da introdución de rexistros de Helichrysum petiolare Hilliard & B.L.Burtt no período 2018-2022 a través da plataforma de ciencia cidadá Observation.org (círculos, ligazón 1), engadindo citas incluídas en iNaturalist.org (cadrados verdes, ligazón 2) e tres mencións en GBIF.org (cadrados violetas, que quizais sexan redundantes coas de iNaturalist).

Unha vez analisadas as datas dos rexistros, suxírese que esta especie de orixe sudafricana está a estenderse paseniñamente cara ao sur e oeste desde un punto focal situado probablemente na ría de Ferrol, colonizando secuencialmente a Costa de Ares, o litoral de Oleiros (Dexo), as toxeiras do monte de San Pedro na Coruña e a contorna de punta Lagosteira en Arteixo. O límite oeste para esta invasora semella actualmente o monte Barbeito, Arteixo, con base a un rexistro de marzo de 2022 (ligazón 3). É previsible que, de seguir este ritmo, acabe chegando a outros puntos da costa de Bergantiños con hábitats similares aos das localidades antes mencionadas.

A expansión cara ao norte tamén semella un feito á vista dos datos das plataformas de ciencia cidadá e dos arriba achegados por ADEGA-Ferrolterra e o Concello de Narón. A costa de Ferrol, Valdoviño, Narón e Cedeira semellan afectadas pola especie, documentándose o límite norte en punta Candieira, Cedeira, cun rexistro de febreiro de 2021 (ligazón 4).

Anímase a toda persoa que teña rexistros da especie, a que os suba (ao ser posible con soporte documental) a calquera plataforma de ciencia cidadá ou as comunique directamente a ADEGA e/ou á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

* Figura 1. Mapa de distribución provisional da planta invasora Helichrysum petiolare na costa galega, con base a datos de plataformas de ciencia cidadá. Círculos brancos: Observation.org; cadrados violetas: GBIF.org; cadrados verdes: iNaturalist.org. A fotografía corresponde a H. petiolare no faro de Mera, Oleiros, en xullo de 2018 (C. D. Romay; ligazón 5).

O impacto negativo das EEI

Segundo o Ministerio de Transición Ecolóxica unha especie exótica invasora é aquela que se introduce ou establece nun ecosistema ou hábitat natural ou semi-natural, e que é un axente de cambio e ameaza para a diversidade biolóxica nativa, ben sexa polo seu comportamento invasor, ou polo risco de contaminación xenética.

Estas especies poden chegar a través das redes de comunicación de xeito accidental, artificialmente, ou de xeito intencionado, e despois dun tempo as invasoras adáptanse ao territorio. En consecuencia, moitas das especies locais non poden competir coas exóticas invasoras e poden acabar desaparecendo. 

As especies invasoras tamén teñen fortes impactos na economía, como por exemplo na agricultura, ademais de destruír habitats e ecosistemas nativos, intensifican a erosión, desprazan especies autóctonas, transmiten enfermidades infecciosas e aumentan a perda ou extinción das especies locais, entre outros efectos.

Controlar a invasión e reparar os danos sufridos por estas especies pode supor arredor duns 12 mil millóns de € anuais só na UE.

Nun contexto no que o cambio climático avanza a grandes pasos e onde as vías de comunicación están todas interconectadas, cada vez aterran no noso territorio máis novas especies alóctonas que supoñen un grave perigo para as especies autóctonas, xa que, son máis fráxiles e teñen menor capacidade de adaptación para facer fronte a estas novas habitantes. Esta problemática é aínda máis acuciante nos espazos de Rede Natura 2000 ou nos ecosistemas máis vulnerábeis.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal