ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A Xunta tramita a ampliación dunha canteira en...

25-01-2022

A Xunta tramita a ampliación dunha canteira en Láncara, alegal dende 1983

A canteira "Costal Vello" leva operando décadas sen delimitación, plano de restauración e estudo de impacto. Agora, para poder ampliar e entrar no negocio do formigón, toca poñer ao día esas "omisións". Como puido operar case 40 anos sen papeis?

Un plano de restauración e un estudo de impacto ambiental "que non constaban"...

Segundo a empresa “Canteras de Muro S.L.” o proxecto pretende unha “adecuación de una explotación antigua que no contaba con plan de restauración” atendendo a un requerimento de Industria de 2008 no que se lle solicitaba “la presentación de esos mismos proyectos actualizados [de explotación e restauración] con el fin de regularizar la situación de la explotación de manera definitiva”, xa que segundo a peticionaria “de una revisión en el expediente de nuestra cantera [xa en 2008!!] se detectó que no constaban los documentos requeridos según la legislación minera y ambiental”.
"Canteras de Muro S.L." sinala tamén que “También se decía [no requerimento] que, aunque probablemente en su día se presentó el oportuno plan de restauración, el mencionado plan nunca fue aprobado por resolución expresa de esta Delegación Provincial.”
Xa que logo, e até a data do requerimento (2008) e dende a autorización do aproveitamento (1983) “Canteras de Muro S.L.” estivo operando sen cando menos, Plano de restauración e posiblemente tamén e até o momento actual, sen outros documentos requeridos pola lexislación mineira e ambiental (como o Estudo de Impacto).
A pretensión expresada pola peticionaria “reflejar de la manera más precisa posible el estado actual del espacio afectado inicialmente y su ampliación proponiendo, al mismo tiempo, un plan de rehabilitación del mismo claro y eficaz” co actual proxecto, corrobora a ausencia dos requisitos (técnicos e ambientais) imprescindíbeis para operar a canteira “Costal Vello” e aponta ao obxectivo de legalizar a súa situación pola vía da ampliación da explotación e do alongamento do seu modelo de negocio cara o sector do formigón.

Unha canteira traballando cunha autorización sen límites xeográficos

Tamén chama a atención o feito de que “Canteras de Muro S.L.” recoñeza que estivo operando dende a data da autorización do aproveitamento sen ter fixado os límites exactos dos terreos atinxidos por dita autorización. A excusa para a empresa é que “en esa época era raro que se delimitaran con coordenadas las canteras informándose, únicamente, de una determinada superficie que podía, en algunos casos, circunscribirse a una finca determinada. En este caso concreto, como hemos dicho, tan solo contamos con una superficie de 3 hectáreas situada (sin más referencias) en el Monte de Costal Vello, conforme autorización de la Junta Vecinal del Monte y del Icona.”.
Porén, a empresa tamén sinala na súa documentación que a partir de 2006 e 2007 subscribíu senllos acordos (máis tarde prorrogados e ampliados ) coas Comunidades de Montes de Muro e Ronfe respeitivamente, adquirindo tamén en 2007 e 2009 dúas fincas máis. Este feito confirma que dende o outorgamento da autorización de explotación da canteira en 1983 e até datas moi próximas ou mesmo posteriores ao requerimento de delegación Provincial de Industria (2008), a empresa puido estar operando fóra da área inicial das 3 hectáreas inicialmente autorizadas, ademais de sen os requisitos técnicos a ambientais antes citados.

Un "innecesario" e delirante estudo de impacto ambiental

Malia a que a empresa cualifica de "innecesario" a presentación dun Estudo de Impacto Ambiental, contrariamente ao que determina a lei 21/2013, "Canteras de Muro S.L." presenta un. No texto advírtense importantes erros e omisións a respeito de elementos da biota, xea e paisaxe e patrimonio presentes na área atinxida polo proxecto.  
Tamén á hora de citar a lexislación aplicábel de referenza no EIA, inclúense algunhas normas obsoletas e xa derrogadas, mentras que outras normas vixentes encol da protección da biodiversidade, da paisaxe ou do patrimonio, fican ausentes.
E a respeito da metodoloxía para a redación do estudo, no apartado de alternativas só se consideran as relacionadas coa ubicación xeográfica e aspectos mineiros do xacemento, obviando calquera referenza aos condicionamentos ambientais (art. 1, entre outros, da Lei 21/2013 de impacto ambiental) na escolla da alternativa proposta, faltando tamén a “alternativa 0” (cero), como recolle o Anexo VI da Lei 21/2013.

Á marxe das eivas sinaladas no apartado anterior, na descrición da biodiversidade atopamos afirmacións tan sorprendentes como que, a respeto dos réptiles, é un “Conjunto faunístico no descrito, puesto que según la bibliografía consultada no existen especies de reptiles en la zona estudiada”.
Aínda máis sorprendente se cabe é a afirmación, a respeito da presenza da tartaraña cincenta (Circus pygarus), que é de “Cría probable. Se caza ocasionalmente". Esta especie está considerada como “vulnerábel” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007), norma legal que no estudo non aparece sequera mencionada. O especial estatus de protección desta especie, non só en Galiza senón en toda Europa, debido á súa forte regresión fai que calquera actividade cinexética que poida afectala directamente poida ser constitutiva dun delito tipificado no art. 334 do Código penal.

ADEGA esixe da Xunta que deixe de comtemporizar con este tipo de explotacións ás que leva anos facendo a vista gorda. Pedimos que rexeite o proxecto da empresa e que atendendo ao disposto no Regulamento da Minaría e considerando as infraccións e irregularidades observadas, se dea inicio a un expediente de caducidade da autorización da explotación da canteira “Costal Vello”, sen prexuízo dos correspondentes procedementos sancionadores aos que houber lugar.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal