14-10-2021
En xaneiro de 2019 o Concello de Lugo aprobou unha modificación do planeamento urbanístico no quinteiro que fai a esquina da rúa San Roque co Carril das Flores-Camiño Primitivo- (designado como “quinteiro 214A” no Plan Especial de protección do Conxunto histórico de Lugo). Na tramitación deste novo planeamento presentara alegacións a Delegación en Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia, e emitira varios informes a Delegación en España de ICOMOS, asociación internacional dedicada á protección e mellora de monumentos e sitios históricos. A intervención de ICOMOS resulta fundamental naquelas actuacións que afectan a bens declarados pola UNESCO como Patrimonio Mundial, como é neste caso o Camiño Primitivo e a Muralla Romana.
En decembro de 2019 o Foro do Camiño Primitivo, plataforma formada por máis dunha veintena de asociacións culturais de ámbito galego e asturiano, así como entidades e particulares interesados na protección desta ruta histórica, contactou con ICOMOS solicitando unha valoración rigorosa da incidencia do antedito planeamento sobre os bens patrimoniais inmediatos, petición reiterada en xullo de 2020.
A principios de 2021 iniciouse a tramitación do proxecto de urbanización do tramo do Camiño Primitivo ao que da fronte o quinteiro, presentado pola mercantil HIPÓLITO S.L.
En xullo de 2021, a raíz das actuacións realizadas dende o Foro do Camiño Primitivo, ICOMOS España emitiu un novo e extenso informe que se pronuncia de forma moi desfavorable sobre o planeamento aprobado, reprochando a actitude pouco respectuosa co patrimonio cultural que caracterizou a evolución histórica da cidade de Lugo, e exemplificándoa no dito planeamento:
A fin de evitar que se vexa comprometido o mantemento das declaracións da UNESCO que recaen sobre a Muralla e o Camiño Primitivo, sería de esperar que o Concello de Lugo tomara debida conta do comentado informe de ICOMOS, revisando o planeamento aprobado para a esquina de San Roque, corrixindo todas e cada unha das deficiencias sinaladas nel e seguindo escrupulosamente as súas recomendacións. Lembremos tamén que sobre a aprobación de dito planeamento pende un recurso contencioso-administrativo, o que aconsellaría ao Concello, máis se cabe, a actuar con prudencia.
Sen embargo, as últimas actuacións municipais distan de aparentar unha actuación prudente ou responsable. En efecto, o acordo da Xunta de Goberno Local, adoptado o pasado 6 de outubro, aprobando definitivamente o proxecto de urbanización da esquina de San Roque constitúe un exemplo máis na liña de actuación política de "sostenella y no enmendalla". Como noutros casos aínda vivos na memoria da cidadanía luguesa (Garañón,....), logo a culpa será doutros.
Máis alá de calquera consideración legal, resulta incomprensible que nun punto tan sensible da cidade, cun patrimonio tan valioso en xogo, non haxa unha maior implicación pública, que tome a iniciativa e defina os obxectivos e parámetros que deben de guiar a súa ordenación. Nada máis afastado do que fan outras cidades con riqueza patrimonial mesmo inferior á de Lugo, pero cuxos gobernantes, máis concienciados e responsables, asumen o mando do proceso, convocando concursos de proxectos que aseguran a calidade das propostas e, en definitiva, a materialización de actuacións positivas para o legado patrimonial da cidade ás xeracións vindeiras. Nesto, como noutras cousas, e por moita propaganda que se difunda dende o Consistorio, ... Lugo segue á cola.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal