Adega
INICIO Áreas temáticas Litoral Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas
Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas PDF Imprimir Correo-e
Indexar artigo
Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas
Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas - Páxina 2
Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas - Páxina 3
Todas as páxinas
Envia Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas a FaceBookEnvia Problemas e riscos de contaminación nas Rías Galegas a Twitter

Nun artigo titulado ¿A costa do mar? ou De costas ao mar, publicado nun dos cadernos da Asociación ADEGA (Pérez, 1996) expuña-se con claridade o arraigada que está entre os mariñeiros a idea de que o mar é tan grande que soporta todo o que lle boten, e puña de manifesto como desde as embarcacións ou desde as bateas, durante as labores mariñeiras, se tiran ao mar todo tipo de resíduos que se xeran a bordo.

Tamén desde os peiraos, ou nas actividades de lecer, sexa en embarcacións deportivas ou na simples asisténcia ás praias, se reproduce esta situación.
Quizá desde 1996, momento no que se escribia o referido artigo, a sensibilización da xente teña mellorado e muitas persoas se teñan perguntado que pasará dez ou vinte anos mais tarde co noso litoral, coas rias e con todo o que a elas tiramos. Quizá tamén se teñan perguntado cal é a importáncia destes pequenos vertidos, en relación cos inxentes vertidos procedentes das indústrias, das augas residuais urbanas, mesmo dos vertedeiros de lixo volcados para a costa, ou da contaminación que os rios arrastan desde o interior.

Se reparamos no volume e a continuidade no tempo de vertidos urbanos e industriais sen depurar, podemos chegar á conclusión de que tamén entre a administración, as autoridades e os técnicos funcionou a idea de que o mar e as rias aguantan todo o que se lles bote. Sen embargo, constatamos que esa é unha idea interesada que hai tempo que os dados non permiten soster. Non temos que perguntar-nos se dentro de dez ou vinte anos haberá consecuéncias negativas da contaminación, pois xa hoxe temos abondosos exemplos de rias contaminadas, gravemente deterioradas nos seus valores ambientais e produtivos.

Estamos convencidos de que se non se toman medidas, o litoral galego no seu conxunto pode acabar na situación das rias de Pontevedra ou A Coruña. O que cumpre discutir é cales son as prioridades, cales son as solucións que nos permitan seguir tirando benefício dos ecosistemas litorais, dunha forma sustentábel, e isto leva-nos á necesidade dun saneamento integral, ás recollidas de todo tipo de resíduos e posterior tratamento, e tamén ao establecimento de incompatibilidades entre algunhas actividades ou indústrias e o equlíbrio ecolóxico das rias, pois non todos os problemas das indústrias se poden resolver con depuración.

E cumpre que toda a sociedade teña consciéncia de cales son os problemas e as solucións, ou cando menos cales ofertas non son solución e que actuacións agravan o problema. Cumpre que saibamos que, sendo importante a contribución individual, a solución a estes graves problemas só pode ser unha solución colectiva, unha solución que requere a acción decidida das administracións, dos nosos governantes. Coñecer cales son os plans da administración para a preservación do litoral, debatilos e participar na sua mellora é por tanto inprescindibel, se queremos optar a un futuro sustentábel.

As Rias galegas

As rias son estuários con características morfolóxicas específicas, xa que se trata de vales afundidos, polo que en xeral presentan unha boca mais ancha e unha profundidade elevada, tendo unha sección transversal ao seu eixo en forma de V. Estas características favorecen de por si un amplo intercámbio entre a auga da ria e a da plataforma oceánica contigua. As mesmas características, xuntamente coa sua orientación espacial e a climatoloxia, sobre todo a dirección predominante dos ventos en diferentes épocas do ano, determinan a importáncia e ocorrencia dos fenómenos coñecidos como afloramento e afundimento.
Nos estuários, e tamén nas rias, é habitual que a auga doce aportada polos rios circule maiormente pola superficie cara ao mar exterior. En realidade, o que circula cara fora é auga mariña cunha salinidade lixeiramente reducida nas capas superiores pola mescla con auga doce, de tal forma que o caudal desta corrente de saida é mui superior ao caudal aportado polos rios. bEsta corrente compensa-se coa entrada de auga mariña profunda, procedente do exterior e de capas fondas e frias. No verán, a frecuéncia dos ventos do norte (nas rias baixas, e do noreste ou do este nas altas) favorecen a saida de auga superficial cara o exterior e, por tanto, a renovación da auga das rias. Nesta época, cando os ventos sopran na dirección adecuada, os caudais de auga fria que entran polo fondo poden-se ver triplicados. Estamos asi ante un fenómeno de afloramento de augas profundas, responsábel non só das frias temperaturas da auga nas rias baixas, senon tamén da sua elevada produtividade, pois estas augas profundas procedentes do oceano achegan unha maior concentración de elementos nutrientes. Algúns cálculos indican que cando existe afloramento a auga da ria renova-se en case un 8% por dia, mentres que na mesma época de verán e sen ventos favorábeis ao afloramento, a renovación seria de tan só o 2-3%. Nas Rias Altas tamén se dá este fenómeno, aínda que a menor profundidade destas rias quita-lle intensidade, ao tempo que a sua orientación fai que o afloramento óptimo se corresponda con procedéncias noreste/este do vento.
Cando os ventos son contrários a esta circulación das augas, por exemplo, no caso das rias Baixas, cando os ventos sopran do sur, reducen a velocidade de saida superficial da auga, ralentizando toda a circulación e reducindo a renovación. Nesta situación, a renovación da auga é case nula e os vertidos desde a costa poden-se acumular no interior da ria. No caso de ventos mui fortes, pode-se producir a circulación inversa, é dicer, a saida de auga polo fondo e a entrada pola superficie. Cando isto ocorre, en dias de forte temporal, ten lugar o maior lavado da ria, xa que nun dia pode-se renovar até o 50% da auga.
Así, a mestura das augas e das substáncias contaminantes ou nutrientes que conteñen, o seu transporte e a posíbel deposición na ria está fortemente regulada pola intensidade destas correntes de intercámbio de auga. Contrariamente, as mareas e a olas, que localmente poden mostrar un efeito mais visíbel, teñen unha repercusión menor da difusión dos contaminantes.

Pero simultaneamente a estes procesos de transporte, que son decisivos para determinar a achega de elementos nutrientes, nas rias teñen lugar procesos de sedimentación ou deposición de partículas en suspensión e substáncias absorvidas, procesos que aumentan a retención de contaminantes nas rias, afectando sobretodo aos fondos, na zona intermareal e na plataforma litoral, e tamén a toda a biótica, animais e plantas, que nela se desenvolven.

A pesar das características diferenciadoras indicadas, as rias, ao igual que os estuários, son medios estrictamente sedimentários, polo que actuan como sumideiro de matéria orgánica (Carballeira et al, 1997). As partículas en suspensión aportadas polos rios ou polos vertidos residuais directos, asi como aquelas outras que se poden formar no interior das rias como consecuéncia da actividade biolóxica (detritos, etc) sedimentan no fondo formando bancos de lodos e depósitos areosos ou orgánicos. Os cámbios químico-físicos (pH, Eh, etc) que teñen lugar ao encontrar-se as augas doces e as salgadas favorecen a floculación de arxilas, substáncias húmicas e outras partículas, proceso que vai acompañado da absorción de metais e outras substáncias solúbeis, que resultan asi atrapadas e acumuladas no fondo das rias.

Como veremos, estes fenómenos de acumulación teñen unha intensidade notábel, e a concentración de contaminantes nos fondos das rias está-se a incrementar de forma significativa. Para falar da contaminación, veremos en primeiro lugar a achega de contaminación orgánica biodegradábel ás rias, e en segundo lugar repasaremos a situación en canto a substáncias tóxicas persistentes.

A orixen da contaminación: os vertidos de matéria orgánica

O Segudo Plan de Saneamento de Galicia (Xunta, 1998) avalia a contamianción xerada en Galiza en términos de demanda biolóxica de oxíxeno (DBO5), un parámetro que determina o consumo de oxíxeno causado por un determinado vertido, e que se considera indicativo da concentración de matéria orgánica no mesmo. Unha persoa xera ao dia uns 60 g de DBO5, que se verte nas augas residuais domésticas. Con esta taxa como referéncia, a carga contaminante total en Galiza avalia-se en 6 millóns de habitantes equivalentes, é dicer, uns 130 millóns de kg de DBO5 (ou oxíxeno consumido) ao ano. A mitade desta contaminación é de orixe humano mentres que a outra mitade ten unha orixe industrial. A sua vez, a mitade da carga contaminante de orixen industrial verte-se aos colectores urbanos de augas residuais, mentres que a outra mitade (un 25% do total) non se acha conectada, senon que, con ou sen depuración, vai directamente aos cauces naturais. Desta forma, as depuradoras municipais deberán facer fronte a perto do 75% desta carga contaminante asi definida. Non se consideran nestas cifras os resíduos agrogandeiros.
Para analisar máis polo miudo a orixe dos vertidos ao litoral, teremos que acudir a outras fontes. A táboa 1 recolle algúns dados sobre o caudal e a cantidade de matéria orgánica vertidos ao litoral galego, segundo a orixen dos mesmos (Pérez F. e Vila, 2000). Os caudais maiores son os dos vertidos urbanos, con perto de 5 m3/s. Sen embargo, unha única indústria tal como a Celulosa de Pontevedra verte o equivalente a toda a área de Vigo, e case o 20% de toda a poboación costeira, mentres que toda a indústria conserveira, con perto dun cento de fábricas, non chega ao 50% do caudal vertido por ENCE.

 

 

Táboa 1. Comparación dos caudais de auga (m3) e das cargas en materia orgánica (COD: carbono orgánico disolto) debido a diferentes tipos de efluente

TIPO DE EFLUENTES

Caudal (m3/s)

Carga de COD (kg/s)

Volume anual (millóns m3)

Carga de COD anual (millóns kg)

Vertidos urbanos de VIGO

0.7

0.084

21.8

2.6

Vertidos urbanos ó litoral galego (1.4 millóns habitantes)

4.85

0.59

153

18.5

ENCE/ELNOSA

0.87

0.25

27

7.7

Ind. Conserveira (VIGO)

0.11

0.060

3.5

1.8

Ind. Conserveira (AROUSA)

0.16

0.10

5.2

3.3

Ind. Conserveira (GALICIA)

0.32

0.18

10

5.7

 

Sen embargo, a cantidade total de contaminantes vertidos é o produto do caudal pola concentración. A concentración nas augas resíduais urbanas é baixa, arredor dos 120 mgCOD/l (ou partes por millón, ppm, de carbono orgánico disolto, COD), mentres que os efluentes industriais poden chegar a concentracións dez ou cen veces superiores. Asi, podemos ver como a matéria orgánica vertida nos efluentes domésticos de case millón e medio de habitantes atinxe os 18 millóns de kg de carbono disolto, e que os vertidos de Ence equivalen ao 40% da cantidade anterior, é dicer a uns 600.000 habitantes, e os da indústria conserveira ao 30%, ou sexa algo mais de 400.000 habitantes.

Outros factores diferéncian o impacto destes vertidos e as posibilidades de corrección do mesmo. Como podemos tamén observar na táboa 1, o vertido de Vigo atinxe os 2,6 millóns de kg de COD/ano, sendo Vigo a maior aglomeración urbana das Rias Baixas. O resto dos vertidos urbanos, coa excepción do correspondente á área de A Coruña (Bens), serán de menor cuantia. A conserveira de maior capacidade pode achegar-se ao millón de kg COD/ano, mentres que a celulosa atinxe perto de 8 millóns de kg de carbono ao ano. Podemos afirmar que esta última indústria é responsábel do maior vertido pontual de matéria orgánica que existe no litoral galego, mentres que os vertidos de muitas conserveiras e os das vilas son de menor entidade e están en xeral mais repartidos. Esto explica porque a Ria de Pontevedra conta coa maior concentración de carbono orgánico disolto.
Os niveis naturais de carbono orgánico disolto (COD) no mar son baixos, aproximadamente de 1 ppm (1 mg/l), concentración que podemos atopar nas augas limpas que entran á ria. A medida que aumentan os valores de COD o sistema perde calidade e se estes valores acadan os 20 ppm provócase una perda moi alta de osíxeno, acadándose a anoxia e a morte biolóxica (Pérez F. e Vila, 2000). A maior parte das augas costeiras presentan baixos valores de COD, inferiores á 2 ppm, o que indica unha aceptábel calidade da auga, que se explica pola renovación e lavado que provoca a entrada de auga limpa procedente do oceano. Sin embargo, os dados disponíbeis tamén indican que a renovación natural das augas é insuficiente para diluir os vertidos realizados á ria de Pontevedra: no interior da Ría acadan-se os 11 ppm, e no resto valores case o dobre dos medidos na da Ría de Vigo.
No que respecta aos vertidos das indústrias conserveiras, presentan en xeral un menor caudal pero unha mui alta concentración en matéria orgánica. Este feito facilita o seu tratamento con un custo inferior. En muitas conserveiras abondaria con tratar un 5-10% do volume vertido para eliminar mais do 60% da matéria orgánica, algo que se pode acadar seleccionando aquelas correntes mais concentradas e sometendo-as a un tratamento axeitado (Soto, 1990).

Sen embargo, o impacto dos efluentes urbanos sen depurar non se pode despreciar, tanto no que se refere á matéria orgánica como á presencia de virus e bacterias patóxenos, principalmente coliformes. A preséncia destes patóxenos provocan a degradación da salubridade das augas, facéndoas non aptas para o uso alimentario (cultivos mariños) e para o baño.
En relación co vertido de elementos nutrientes, é dicer de compostos con nitróxeno e fósforo, contidos en altas concentracións nos vertidos das conserveiras e en cantidades inferiores nos vertidos urbanos, a situación semella non ser preocupante. A modo de dado orientativo, as achegas de elementos nutrientes ás Rias Baixas polos vertidos e pola própria auga fluvial (entradas de auga doce) ten-se avaliado en menos do 30% no inverno e menos do 5% no verán (Prego, 1990).

En definitiva, os vertidos domésticos e industriais contribuen en proporcións case iguais á contaminación con matéria orgánica disolta e en suspensión. Estes vertidos contribuen ao consumo de oxíxeno, á proliferación de microorganismos patóxenos, a aparición de zonas putrefactas e á formación de lodos anóxicos nos fondos mariños. Ence constitue o principal foco emisor detes tipo de contaminación en todo o litoral, e a capacidade de renovación e dilución na Ria de Pontevedra, orixinada polas correntes de entrada e saida de auga, mostra-se insuficiente para evitar os impactos destes contaminantes.



 


ADEGA