ADEGA pon a disposición o ciclo formativo sobre restauración ambiental de zonas queimadas impartido vía online ás 70 persoas inscritas no campo de voluntariado ambiental que tivo lugar na fin de semana do 17, 18 e 19 de novembro. Impulsado pola asociación ecoloxista, en colaboración cos concellos da Rúa, O Barco, Vilamartín, Petín e O Bolo, o voluntariado de ADEGA actuou sobre varios espazos afectados polos incendios forestais da comarca de Valdeorras co obxectivo de previr escorrentías e desenvolver tarefas de control da erosión.
Previo traballo de campo, todas as persoas voluntarias recibiron unha formación teórica online -ademais doutra presencial, de carácter máis práctico, sobre o terreo-, que tivo lugar por videoconferencia. Esta formación consistiu nun ciclo de charlas impartidas por varias especialistas, investigadoras e profesionais en materia de restauración ambiental: María Xosé Sanjurjo, profesora titular do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola-USC; Carme Míguez Nóvoa, profesora de FP Agroforestal en Xinzo da Limia; Montserrat Díaz Raviña, investigadora científica do CSIC na Misión Biolóxica de Galicia; e Daniel Rivadulla, enxeñeiro forestal. A continuación, ofrecemos acceso público a tres destas conferencias, que permanecerán dispoñibles para visitas na nosa canle de YouTube e que dan unha idea das accións que se poden levar a cabo nas zonas queimadas, así como os efectos que os incendios forestais teñen sobre o solo.
Esta información é de grande interese para un público amplo: desde as persoas amantes do monte e da natureza, ata quen vive no rural e sufriu directamente os incendios, pasando por quen simplemente sente curiosidade e desexa aprender sobre o mundo que o rodea. Para facilitar o acceso a este coñecemento, compartimos a continuación estas charlas —de aproximadamente unha hora— xunto con outros recursos complementarios.
Por Montserrat Díaz Raviña, investigadora científica do CSIC na Misión Biolóxica de Galicia.
Esta formación achéganos todas as chaves a ter en conta para a correcta aplicación da técnica do mulching, que consiste en cubrir o chan con materiais orgánicos como palla para protexelo da erosión, conservar a humidade e favorecer a recuperación da vexetación.
Ligazón: https://youtube.com/live/S9VsRin659k
Duración: 1:52
Por Daniel Rivadulla, enxeñeiro forestal, CIUDEN.
Esta charla aborda como os incendios degradan o solo —perda de sementes, costras superficiais, colmatación de regatos e risco de eutrofización— e explica medidas como triturar e espallar restos, crear microterrazas, usar micorrizas e carbón vexetal “cargado”, ou aplicar mulching e albarradas antes das choivas. Tamén destaca a importancia de manter a madeira queimada, priorizar as zonas máis erosivas e implicar ás persoas propietarias na restauración.
Ligazón: https://youtube.com/live/CkdRjYX79TQ
Duración: 1:16
Por Carme Míguez Nóvoa, profesora de FP Agroforestal en Xinzo da Limia.
Onde debemos recoller as sementes? Cando debemos recollelas? Cales son as formas de conservalas? Como debemos almacenalas? Todo o que precisas saber para manexar as sementes e os froitos do monte, e para utilizanos na repoboación posterior a un incendio forestal, podes atopalo nesta charla.
Ligazón: https://youtu.be/c0031_AR4PM
Duración: 1:08
Por María Xosé Sanjurjo, profesora titular do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola-USC.
Esta charla aborda a importancia dos solos e os efectos que os incendios producen neles. O dano máis importante para o hábitat é a desaparición parcial ou total do solo. Os cambios que provocan os incendios dependenda intensidade do lume; por exemplo, a variación da cor do solo está relacionada coas distintas temperaturas alcanzadas. Estas e outras alteracións teñen como consecuencia a perda de funcións básicas dos solos, como a infiltración.
Ligazón [presentación PDF]: https://adega.gal/media/documentos/Impacto_do_lume_nos_solos_ADEGA.pdf
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal