Caderno nº 2 - A economía e a ecoloxía do meio mariño
Páx. 3-4
A importancia do mar como fonte de recursos e orixe e mantedor dunha grandísima riqueza ecolóxica xustifica sobradamente calquera esforzo que se poida facer por coñecer e aumentar a consciencia colectiva sobre a importancia da súa conservación.O noso país, dado o seu gran potencial pesqueiro e transformador, non pode permanecer alleo os problemas da escaseza de recursos e a utilización de artes de pesca extremadamente depredadoras. Galiza é a primeira interesada na conservación do mar e na explotación sustentábel dos seus recursos e nesta mesma dirección quere ir este Caderno: na da conservación do mar, de todos os mares.
Caderno nº 2 - A economía e a ecoloxía do meio mariño
Páx. 5-11
A releváncia da actividade pesqueira galega apresenta remotas origens e constatamos a sua existencia organizada desde a Idade Media, ainda que já mais alá da cultura dos castros a exploraçon dos recursos da mar era objeto de atençom.A História mostra como a abundáncia de recursos que oferecem as nossas augas vai configurando um sector de importáncia capital para as gentes que o modelam com o seu trabalho e para a sociedade em geral, e como pessoas e médios se amoldan aos recursos sobre os que descansa a subsisténcia.
Caderno nº 2 - A economía e a ecoloxía do meio mariño
Páx. 12-14
En relación ao uso dos recursos naturais, vivimos tempos nos que domina o espírito catastrofista. Certamente non faltan síntomas de alarma ao examinar o medio ambiente, sen embargo, compre non deixármonos abafar.Dentro de este marco alarmista o esgotamento dos recursos e, entre eles, o dos recursos pesqueiros ten un lugar sobranceiro nos medios de comunicación. Tampouco faltan artigos de biólogos proclamando o desastre no mar debido fundamentalmente á pesca.Deixando á marxe a proclamada e falsa extinción ou desaparición de peixes nos mares, imos comentar as flutuacións naturais e a súa interrelación coas prácticas pesqueiras, é dicir, os colapsos fenómenos coñecidos desde hai anos e que poden supoñer a case que desaparición dalgunhas especies comerciais.
Caderno nº 2 - A economía e a ecoloxía do meio mariño
Páx. 15-20
Galiza, hai agora uns 35 anos, comezou unha nova etapa de desenvolvemento da pesca, xusto cando a crise dos recursos pesqueiros costeiros comezou a dar os primeiros síntomas de esgotamento, concretamente coa pescada. Un feito tecnolóxico singular, a aplicación do frío profundo ás capturas, a conxelación, veu dar solución á expansión das pesqueiras mais alá dos “15 días” de distancia que limitaban a actividade pesqueira.A pescada, no caso galego, e o bacallau no alemán e francés, foron motivo de desenvolvemento doutras pesqueiras afastadas, todas elas de carácter industrial, xa que o imperativo de regresar a porto desaparecera. A autonomía de conservación do peixe en alta mar era xa ilimitada, como tamén a conservación dos víveres para as tripulacións. Desta maneira, e neste orde, foron explotándose ou, cando non, descubríndose caladoiros insospeitados até esa data por parte de ninguén.Posteriormente o frío industrial a bordo dos buques permitiu o desenvolvemento da flota de grande altura de túnidos, flota que nestes momentos é a máis moderna e poderosa do mundo.
Caderno nº 2 - A economía e a ecoloxía do meio mariño
Páx. 21-31
Apenas cabe dubidar de que a capacidade do litoral galego como atractor de actividades económicas, en particular ao longo das Rías Baixas, ten por sustentáculo principal a explotación dos recursos renovábeis dos sistema mariño.Numerosas actividades de ámbitos en aparencia alonxados arraízan máis ou menos directamente no valor destes recursos, e a superposición doutros sectores a este tecido tradicional non foi quen, ao menos polo momento, de desprazar claramente o peso deste protagonismo.Os residuos derivados destas actividades atraídas directa ou indirectamente pola produtividade litoral, volve ás augas que a miúdo fornecen a aquel trafego das súas materias primas.
Caderno nº 2 - A economía e a ecoloxía do meio mariño
Páx. 32-37
O emprazamento é, naturalmente, un factor importante nos esquemas de traballo que caracterizan á industria alimentaria litoral. Se na súa homóloga con base agrícola, gandeira e mesmo forestal existe xa unha certa tradición no tema de optimizar as súas operacións , de evitar o despilfarro de materiais e de reutilizar residuos, estas preocupacións son apenas existentes no caso que nos vén ocupando. Parece dabondo evidente, pois, que a lóxica que se ven aplicando dende os moi diversos sectores cun certo predicamento no tipo de problemas ao que nos estamos a referir non resulta eficaz demais, e que o tema requeriría a converxencia de diferentes instancias (políticas, económicas, xurídicas, científicas). Polo que respecta a ciencia, as converxencias, transferencias, reducións e emerxencias disciplinares son a moeda común das súas etapas maduras e, en todo caso, unha característica peculiar do desenrolo científico do noso século.