Do 15-10-2026 ao 15-01-2027
ADEGA, en colaboración co colectivo Amil sen Eólicos, lanza unha nova campaña de recadación solidaria no marco da iniciativa #TiPodesParalos, co obxectivo de custear a contenda xudicial contra a Liña de Alta Tensión (LAT) Pico Touriñán-Tivo. Esta infraestrutura atravesaría máis de 17 quilómetros entre os concellos de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Campo Lameiro, Moraña, Portas e Caldas de Reis, na provincia de Pontevedra, cun impacto directo sobre o patrimonio das bestas de Sabucedo, sobre o patrimonio arqueolóxico e sobre espazos de alto valor ambiental.
Esta liña, promovida por Engie Proyecto Touriñán, Naturgy Renovables e Norvento, tería a función de evacuar a enerxía de catro polígonos eólicos: Campo das Rosas, Portovidros, Touriñán III-2 e Acibal. Os tres primeiros están paralizados cautelarmente polo TSXG a instancias de ADEGA debido ao risco de danos ambientais irreversíbeis ou de difícil reparación. O último, Acibal, atópase agora mesmo recorrido por ADEGA en casación ante o Tribunal Supremo.
É un sentido tramitar unha liña de alta tensión destinada a evacuar a enerxía de catro parques eólicos cuxo futuro está pendente de resolución dos procedementos xudiciais.
Parar esta liña de alta tensión é chave para poñerlle tamén freo ao proxecto eólico Acibal, cuxo inicio das obras xa provocaron graves danos no patrimonio cultural e arqueolóxico da zona.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal