09-05-2026
Varias entidades ecoloxistas convocan unha concentración para o vindeiro 9 de maio ás 12:00 horas na Ponte Medieval de Pontevea baixo o lema "Salmón vivo, Ulla vivo!". Reclaman a inmediata suspensión do campionato de pesca do salmón, que se celebrará na Estrada ao día seguinte, 10 de maio.
O salmón é unha xoia natural dos nosos ríos, unha especie única que se atopa en grave perigo de extinción pola súa xestión ineficaz e polo maltrato sistemático aos nosos ríos e océanos. Pedímoslle á Xunta unha veda total, sen excepcións vinculadas a campionatos, para esta especie.
Esta concentración desenvólvese no marco da campaña #AlertaSalmónGalego, que mantén activa a súa recollida de sinaturas para esixirlle á administración galega que cumpra a súa obriga, protexa o salmón galego coa categoría de "en perigo de extinción" e active un plan para recuperalo.
Convocan: ADEGA, Sociedade Galega de Historia Natural, Federación Ecoloxista Galega, AEMS-Ríos con Vida, Asociación Lobo, Plataforma Ulloa Viva, Plataforma Mina Touro-O Pino Non e A Ulla Viva.
Agardámoste na Pontevea o sábado 9 ás 12:00 horas!
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal