Do 03-02-2026 ao 12-02-2026
A asociación ecoloxista ADEGA pon a disposición un modelo de alegacións fronte ao proxecto de parque eólico Cordal de Ousá, actualmente en exposición pública. O proxecto, impulsado por Eólica de Cordales S.L, contempla a instalación de 5 aeroxeradores e unha liña de alta tensión de 30 km ao longo dos concellos de Friol, Begonte, Rábade, Outeiro de Rei e Castro de Rei.
O parque eólico localízase practicamente na súa totalidade en zonas de exclusión eólica segundo o Mapa de Zonificación Ambiental para enerxías renovables do Ministerio para a Transición Ecolóxica. A poligonal do parque sitúase, ademais, na zona tampón da Reserva da Biosfera Terras do Miño, nun territorio cunha elevada concentración de xacementos e vestixios arqueolóxicos, cuxo impacto non foi rigorosamente avaliado.
A liña de evacuación eléctrica, cunha lonxitude de case 30 quilómetros, atravesa algúns dos espazos naturais máis sensibles da Terra Chá e cruza dúas veces a ZEC Parga–Ladra–Támoga, incluído as Ínsuas do Miño. Ademais, os aeroxeradores localízanse nun punto de abastecemento de auga da poboación de Begonte, e nin muíños nin liña de evacuación gardan a distancia suficiente con respecto a vivendas e núcleos de poboación.
ADEGA denuncia tamén que a liña de evacuación afectaría directamente á zona delimitada para a reprodución do mazarico real (Numenius arquata), especie catalogada en Galiza en perigo crítico de extinción.
Alega ao proxecto antes do 12 de febreiro. Estamos a tempo de evitar os seus impactos. Por unha transición enerxética xusta, sustentable, respectuosa coas persoas e o medioambiente.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal