ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / II Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio...

Do 21-03-2023 ao 23-03-2023

II Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático en Vigo

O II Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático, impulsado polo Club Peña Trevinca e no que participa ADEGA, terá lugar os días 21, 22 e 23 de marzo no Auditorio do Concello de Vigo, onde se desenvolverán tres xornadas divulgativas da man da deportista catalá Silvia Vidal, a enxeñeira forestal da UVigo e membro de ADEGA, Jenifer Souto, e a catedrática da Universidade de Sevilla, María Fernández Pita.

A primeira delas, que intervirá na sesión do martes, 21, expoñerá as súas experiencias como referente da escalada e do alpinismo a nivel mundial. O Himalaya (India), Karakorum (Pakistán), a Isla de Baffin (Canadá), a Cordillera Blanca (Andes, o Perú), a Patagonia (Arxentina e Chile), o Main de Fatma (Mali, África), Turquía ou Tailandia forman parte da listaxe de lugares únicos onde esta deportista recreou as súas destrezas.

Jenifer Souto, pola súa banda, ocuparase de expoñer o pasado, presente e futuro dos incendios forestais en Galiza na segunda xornada do ciclo, tras a presentación da curta documental 'O son do Courel'. No terceiro día tomará a palabra a investigadora María Fernández Pita, que debullará a estratexia seguida polos Estados ante a emerxencia climática, dende quen toma as decisións ata quen debe ser verdadeiramente o axente de cambio.

A entrada é gratuíta ata completar aforo.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal