ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Centos de polos de gaivota en risco de morte ante...

16-07-2022

Centos de polos de gaivota en risco de morte ante o desamparo da Xunta na vaga de calor

ADEGA recibiu nos últimos días varias alertas sobre polos de gaivota dos tellados de vilas e cidades galegas

cría de gaivota rescatada por ADEGA


Nós últimos tres días a organización ecoloxista ADEGA recibiu varios avisos de alerta polo abatemento de polos ou crías de gaivota que caen dos tellados e das cobertas dos edificios, logo de saír dos seus niños intentando escapar do intenso calor. Mesmo no día de onte, membros desta organización rescataron un polo de gaivota patiamarela que se precipitou dun tellado da Avenida de Castelao, en Santiago de Compostela, por esta mesma causa.

Desde ADEGA xa alertamos desta situación á Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia para que o antes posible promova medidas de prevención para evitar a perda das poboacións de gaivota en ámbitos urbanos por efectos do calor. Porén, o problema é peor do que se pensaba, tras as informacións recibidas por ADEGA nas últimas horas. Vimos de constatar que o número de aves abatidas está a ser moi alto, superando o cento diario, e que ademais a Administración non está aplicar ningún tipo de protocolo específico de recollida, recepción e solta, mesmo obrigando aos cidadáns a facerse cargo do traslado dos polos aos centros de recuperación, e sen garantías de que estes vaian ser atendidos.

gaivota patiamarela

Desde ADEGA reclamamos á Xunta que poña solución a esta situación caótica e absolutamente lamentable que pon en risco de morte a centos de polos, nomeadamente, das aves que crían nos tellados dos edificios de vilas e cidades e que son especialmente vulnerables diante das vagas de calor. Tamén demandamos a creación dun protocolo e dun dispositivo específico de emerxencia que actúe con celeridade e profesionalidade no rescate de crías e paxaros abatidos, así como dotar aos centros de recuperación de fauna de Galicia dos recursos necesarios, tanto persoais como materiais, para poder abordar este tipo de emerxencias.

Ao tempo, consideramos imprescindible que a Xunta, en colaboración cos concellos, ofreza información á cidadanía sobre como actuar e a onde acudir en caso de atoparse con aves ou paxaros extraviados polo impacto do calor. É lamentable que moitas das persoas que acudiron a ADEGA para advertir destes casos, fixérono tras seren derivadas duns organismos a outros, sen atopar finalmente o servizo de emerxencia encargado de atender este tipo de situacións, ou ben pola desatención recibida nalgúns centros de recuperación de fauna de Galicia, deixazón de funcións que ao noso xuízo debera ser investigada.

Gaivota patiamarela, especialmente ameazada

gaivota patiamarela

Os avisos chegados a ADEGA sobre o abatemento de polos de aves que crían ou se refuxian nos edificios das vilas e cidades, non só correspondían a polos de gaivota, senón tamén a outro tipo de aves, como os cirrios (Apus apus) que sofren o embate desta vaga e aparecen mortas nas rúas e vilas das cidades.

Porén, os efectos desta vaga de calor e das próximas que virán, cada vez máis frecuentes por causa do cambio climático, poderían ter especial impacto nas poboacións de gaivota amarela (Larus michahellis). Segundo un informe da Sociedade Galega de Ornitoloxía, nos últimos 10 anos, a perda de poboación de gaivota patiamarela nas principais colonias de cría foi superior ao 35%, un declive extraordinariamente preocupante que tamén se recolle na última actualización do Libro Vermello de Aves de España (2021), onde se confirma que no Parque Nacional das Illas Atlánticas se pasou de 30.000 parellas en 2006 a só 7.000 en 2020.

Este descenso podería verse agravado polas vagas de calor se non se toman medidas preventivas con urxencia por parte das administracións públicas. É por iso que ADEGA tamén presentou solicitude de información diante da Consellaría de Medio Ambiente para coñecer que medidas se están a tomar desde que é coñecedora da preocupante situación desta especie, para frear a sangría acelerada das poboacións de gaivota patiamarela.

A onde acudir?

As persoas que atopen ou sexan coñecedoras de aves abatidas, desorientadas ou doentes por efectos do calor, deben chamar ao teléfono de emerxencias 112 ou ao centro de recuperación de fauna de Galicia que teñan máis próximo.


Teléfono Emerxencias: 112

CRF de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña)
Teléfonos: 881 960405 / 686 597745

CRF do Veral (Lugo)
Teléfonos: 982 828441 / 649 668923

CRF Alto do Rodicio (Ourense)
Teléfonos: 628 358652

CRF de Carballedo (Pontevedra)
Teléfonos: 606 656017

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal