ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Eliminación de flora invasora. Experimentando no...

14-02-2020

Eliminación de flora invasora. Experimentando no Monte da Fraga

Onte, 13 de febreiro, realizamos unha nova actividade no Monte da Fraga, espazo da Universidade da Coruña (UDC) custodiado por ADEGA xunto á Oficina de Medio Ambiente (OMA) da UDC, GN Hábitat e o concello da Coruña. Nesta ocasión participou o alumnado do grao de paisaxe, de bioloxía e persoal bolseiro da OMA. Ao longo do curso estanse a desenvolver unha serie de actuacións neste espazo co obxectivo de facer unha xestión sostible do mesmo e dalo a coñecer entre a poboación da cidade.

Para o desenvolvemento deste proxecto comezouse facendo un mapeado da flora invasora, para ter localizadas todas as plantas, que en próximas ocasións iranse eliminando. Organizouse tamén, unha xornada sobre custodia urbana na que partillar experiencias con outras entidades de Galiza e do estado. E despois comezouse coas actividades no campo;  plantamos loureiros, creación dun filtro verde na parte superior da ladeira  e coa de onte, xa van tres  xornadas eliminando invasoras.

Estase traballando sobre todo coa  Buddleja davidii e a Cortaderia selloana.  Estase a experimentar con diferentes técnicas para eliminalas definitivamente. Na primeira arrincouse a Buddleja de raíz e as Cortaderias tamén de raíz deixándoa esta cara arriba.  De momento non hai rebrotes. Na segunda arrincáronse Cortaderias, novamente, e deixáronse tamén coa raíz ao aire cubrindo algunhas delas con plástico negro. As Buddlejas cortounas o servizo de xardinería e posteriormente fíxoselle un tratamento con allo coa intención de secalas.

A xornada de onte centrouse en rematar a mancha de Cortaderias arrincando de raíz. Agora o alumnado do grao xa coñece de primeira man a problemática e o difíciles que son de eliminar estas plantas invasoras, esperamos que nun futuro non se fagan novamente restauracións ou se deseñen xardíns con este tipo de plantas.

Organizaranse novas xornadas de voluntariado e sobre todo de  seguimento neste espazo para evitar rebrotes destas plantas. Se estás interesada/o en recibir información no teu correo electrónico sobre as próximas actividades, envía un correo a voluntariadoMF@adega.gal.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal