ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA Vigo oponse á batida de raposos en Moaña

09-10-2019

ADEGA Vigo oponse á batida de raposos en Moaña

#stopcaza #raposovivo #EuNonDisparo


O vindeiro domingo 13 de outubro terá unha vez máis na xeografía galega, unha nova batida indiscriminada contra o raposo. Nesta volta será no concello de Moaña, onde o Tecor creado recentemente pola asociación de cazadores de Moaña, prepara a súa primeira batida en dúas décadas fomentando o falso discurso de praga para xustificar esta actividade cinexética.

Esta xornada de caza non establece ningún límite de raposos abatidos e realizarase en parte das 2.300 hectárias do TECOR de Moaña que conta co beneplácito das comunidades de montes de Moaña, Meira e Domaio e de terreos particulares.

ADEGA Vigo pide a paralización da batida de raposos en Moaña

A Xunta autoriza estes campionatos de caza baseándose nos censos elaborados e achegados polo propio lobby da caza. Mais a realidade que nos atopamos é que non existen censos rigorosos nin científicos sobre as poboacións desta especie, así como a ausencia constante dunha avaliación técnica do impacto ambiental que produce a caza (alteración dos hábitats e ecosistemas, chumbismo, control de enfermidades, etc).

Polo tanto estas actividades cinexéticas presentan un grande impacto negativo no medio e nas poboacións de raposos, desregulando así o equilibrio ecolóxico destas, especialmente en aquelas áreas que experimentan incendios forestais continuados.

Neste contexto, ADEGA Vigo vén de presentar un documento ante a consellería de Medio Ambiente co fin de solicitar a paralización e prohibición da batida contra o raposo deste domingo en Moaña, ao non contar cun censo fiable nin estudos poboacionais rigurosos. Isto é un exemplo máis dunha práctica anacrónica que suscita grande oposición social e que provoca un grande impacto negativo no medio natural e na biodiversidade.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal