ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / 19 asociacións e colectivos presentan alegacións...

08-10-2019

19 asociacións e colectivos presentan alegacións contra as novas autorizacións solicitadas por REGANOSA

O Tribunal Supremo ten declarado a ilegalidade da planta en cinco sentenzas, aínda así, a planta regasificadora de Mugardos, está funcionando sen ter nin unha soa autorización en vigor para facelo.

1ª  Sentenza de maio de 2012, Anulando a modificación do Plan Xeral de Ordenación Urbana que servira de base para a concesión das autorizacións, recurso de casación 4512/2008.

2ª Sentenza 695/2016 do 28 de marzo de 2016  anulando a Autorización Administrativa Previa concedida pola Dirección de Política Enerxética o 2 de xuño de 2002.

3ª Sentenza do 25 de abril de 2016, 889/2016 anulando o Proxecto de Execución outorgado pola Dirección de Política Enerxética e  Minas no 2004.

4ª Sentenza do 26 de xuño de 2016, 1966/2016 do Supremo anulando o Plan de Emerxencia Exterior.

5ª Sentenza firme do 17 de xullo de 2019, que declara contraria a dereito a exención do trámite de avaliación de impacto ambiental aprobada polo Consello de Ministros do 27 de maio de 2016.

Agora Reganosa acude novamente á administración para intentar nun tempo récord o que non conseguiu nestes 20 anos, tapar a ilegalidade que supón ter esta instalación dentro da Ría de Ferrol. Reganosa nunca poderá cumprir os requisitos que se lle requiren a unha instalación destas características, instalada ao carón dun complexo petroquímico; á beira dunha poboación separada a escasos 100 metros das instalacións; perto dun arsenal militar, na contorna dunha ria poboada por máis de 100.000 persoas, e dentro dunha ria con características de navegabilidade limitadas. Só a ambición dos grupos promotores, principalmente o Grupo Tojeiro, e a complicidade e corrupción dos políticos que os avalaron, fixeron posible a construción e posta en marcha desta instalación.

Reganosa pretende ocultar toda esta realidade
e solicita novos permisos, mesmo con defectos de vulto nos documentos que presenta para elo. Tamén pretende ocultar o efecto que no ecosistema da ria está a ter a tecnoloxía que usa de tratamento da auga con hipocloritos, que devolve á ria a moi baixa temperatura. Pretende tamén ocultar o dragado que realizou nunha zona de alto valor ecolóxico; os cambios nas normativas de navegabilidade para favorecer a entrada de gaseiros con GNL; o incumprimento desas mesmas normas, e moitas outras irregularidades e ilegalidades que van recollidas neses documentos de alegacións presentados ante a Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia.

Desde o Comité Cidadá de Emerxencia, queremos chamar a atención sobre o que supón ao longo destes anos manter unhas instalacións contra toda legalidade. Esta mesma semana, ante a entrada dun novo gaseiro, presentabamos unha nova denuncia ante o Fiscal Delegado Autonómico da Área de Medio Ambiente e Urbanismo. Se engadimos que un dos socios maioritarios é a propia Xunta de Galicia, estamos definindo as características do que pode ser o máximo expoñente de corrupción política das últimas décadas.

Unhas instalacións que seguimos argumentando, son innecesarias (só funciona ao 20% da súa capacidade, podiamos abastecernos polo gasoduto de Tui), perigosas (un accidente na planta ou nun gaseiro tería consecuencias impredecibles, aumentadas polo efecto dominó do complexo petroquímico e arsenal militar) e moi custosas (máis de 61 millóns de euros anuais que cobra do sistema gasístico só pola capacidade de almacenamento).

Cumpre recordar que as plantas regasificadoras como Reganosa, están catalogadas como aceleradoras do cambio climático. A produción de GLN expulsa á atmósfera cantidades importantes de gas metano, un dos máis activos no efecto invernadoiro. E o impacto sobre o ecosistema da ria está demostrado, pola cualificación que ten de “biocida”, o sistema utilizado para a súa refrixeración.

Fai escasos dias mantivemos, a petición súa, unha reunión co Comité de Empresa de Reganosa, donde os traballadores amosaronos a súa preocupación. O Comité Cidadán explicoulles as razóns de porque a planta ten que saír da Ría e conminamos aos socios maioritarios desta empresa, principalmente á Xunta de Galicia, que se responsabilice da situación creada, e paralice o funcionamento desta instalación ilegal, dando ao mesmo tempo, unha solución laboral, á plantilla dos traballadores e traballadoras que a manteñen funcionando.

Ferrol, 4 de outubro de 2019

Colectivos que integran o COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA:

 A.VV O Cruceiro de Mehá,  A.VV Cuco Ruiz de Cortazar (Caranza), A.VV Nuestra Señora do Socorro (Ferrol Vello),  A.VV. O Rosario (Inferniño),  Confraría de Pecadores e Mariscadores de Ferrol,  A.C. Fuco Buxán, A.C. Muiño do Vento,   Fundaçom Artábria,  Coletivo Sociocultural A Revolta de Trasancos,  Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA),  Asociación Ecoloxista Verdegaia,  Asociación Ambiental Petón do Lobo (Corcoesto) ;  Federación Ecoloxista Galega,  Podemos Ferrol, Executiva PSdeG-PSOE Ferrol,  Grupo Municipal do BNG Concello de Ferrol,  EU Ferrol,  Grupo En Marea,  Ferrol en Común

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal