ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A Eira da Xoana, galardoada co premio Gabriel...

02-09-2019

A Eira da Xoana, galardoada co premio Gabriel Barreiro Toural

Metátese Teatro e Alentía Teatro concederon á Fundación Eira da Xoana o Premio Gabriel Barreiro Toural, “Garabato”, na súa segunda edición. O premio foi entregado o sábado día 31 de agosto, no marco da XX Mostra de Teatro Amador de Palas de Rei, na Casa da Cultura, despois da representación de “A procura dun traballo” polo grupo Metátase Teatro. O premio, que consta dunha peza de arte elaborada pola artista ourensá María Iglesias Gil e que ten unha dotación de 1000 euros, foi recollido pola presidenta da Fundación Eira de mans da nai de Gabriel Barreiro Toural. 

Na xustificación  do premio, Metátase Teatro e Alentía Teatro destacaron da Fundación Eira a súa defensa decidida do patrimonio cultural galego, a súa aposta polo mundo rural, a súa contribución a creación de conciencia ecolóxica, o seu aprecio, respecto e conservación da sabedoría transmitida pola tradición cultural galega e o seu compromiso coa lingua galega e coa recuperación e posta en valor de especies autóctonas.  

Pola súa parte, a Fundación Eira mostrou inmenso agradecemento polo premio, un recoñecemento que achega ao colectivo novos azos  para continuar co labor encetado, e con eles, ademais, medios económicos para facer máis doadas as tarefas a desenvolver.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal