ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / A hostalaría, o turismo e a compostaxe

02-08-2019

A hostalaría, o turismo e a compostaxe

Comezamos un novo proxecto de xestión de residuos e compostaxe xunto a un complexo hostaleiro como é https://cabanitasdelbosque.com/es. Esta oferta turística contempla aloxamentos consistentes en apartamentos ubicados nas árbores, ecolóxicos e respectuosos coa paisaxe e o territorio onde se ubican. Agora decidiron dar un pasiño máis e ser coherentes coa xestión dos residuos, co actual sistema da administración en canto á xestión de residuos é imposible  aproveitar os residuos orgánicos. Polo que dende a xerencia decidiuse implantar un sistema propio de compostaxe. Nun principio vanse instalar 3 áreas de compostaxe en 3 zonas diferentes de cabañitas, coa idea de estendelo ao resto do complexo, unha vez adquiridas a aprendizaxe e dinámicas pertinentes.
Estas áreas de compostaxe serviran para xestionar os residuos orgánicos que se xera na cociña, xunto cos restos de podas da propia finca. En cada “cabañita” haberá recipientes e información para que as persoas aloxadas separen os residuos correctamente, ou polo menos que teñan esa opción. As áreas de compostaxe están en zonas de paso polo que as persoas alí aloxadas tamén poderán depositar os seus residuos orgánicos directamente nos composteiros. E así comprobar “in situ” a boa xestión dos mesmos.

Para iniciar o proxecto, onte tivemos un curso de formación para o persoal traballador do complexo. Dende ADEGA informouse sobre a importancia da boa separación e como se fai correctamente. O persoal de limpeza levará ao contedor os residuos correspondentes e os orgánicos aos composteiros. O persoal de mantemento encargarase de manter os composteiros de forma axeitada para que o proceso da compostaxe sexa correcto. O persoal de mantemento tamén recibiu  a correspondente formación.

Desta forma “As Cabañitas do bosque” apostan por unha economía circular. Os residuos orgánicos, tanto de cociña, como do terreo son xestionados no propio lugar, sen necesidade de desprazamentos e devolvendo a materia orgánica ao solo. Esta é unha forma de participar na redución de CO2 para paliar o cambio climático. En moitos casos, o turismo tamén agradece saber que a súa pegada ecolóxica é reducida grazas a pequenos proxectos coma este. As persoas que apostamos por unha vida máis sustentable, tamén nos gusta darlle continuidade a este proxecto durante as vacacións ou nos espazos de recreo.

Máis info:
María R. Lafuente 628378804
compostaxe@adega.gal

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal