ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA participa na II Deseucaliptización...

31-05-2019

ADEGA participa na II Deseucaliptización Simultánea de Galiza

ADEGA participará na segunda edición da Deseucaliptización Simultánea, convocada pola rede a prol do bosque galego “Cousa de Raíces”, na que se realizarán en total 15 accións de eliminación de especies forestas exóticas invasoras, nomeadamente, de eucaliptos, acacias e mimosas. Nesta ocasión, ten previstas dúas actuacións simultáneas para o sábado, 8 de xuño, coincidindo coa Semana do Medio Ambiente:

- Montes de Rebordelo (Cercedo-Cotobade): A primeira desenvolverase pola delegación de ADEGA-Vigo nos montes de Rebordelo, do concello de Cerdedo-Cotobade, en colaboración coa Comunidade veciñal de montes e as brigadas deseucaliptizadoras de Verdegaia. Nesta paraxe estase a desenvolver por ADEGA e a comunidade de montes un proxecto de custodia denominado Couto da Eirexiña que trata de preservar e destacar os valores naturais e patrimoniais do monte.

Esta xa é a segunda xornada deseucaliptizadora que se desenvolve no Couto da Eirexiña, aproveitando o chamado de Cousa de Raíces, para eliminar eucaliptos e acacias. O punto de encontro será a Casa do Pobo de Rebordelo ás 10 horas. Os traballos de deseucaliptización desenvolveranse ata as 14 horas, tras o que habeá un xantar comunitario. Pola tarde realizarase un roteiro interpretativo pola contorna. 

Para inscribirse nesta actividade podes chamar ao 647 235 464, adegavigo@adega.gal.

- Zarra da Costa (Palas de Rei, Eira da Xoana): Tamén o sábado, 8 de xuño, ADEGA e a Fundación Eira organizan unha xornada de eliminación de mimosas na Zarra da Costa, un espazo pertencente á parroquia de Ramil, do lado lucense, onde hai abundantes tocos de mimosas e gromos ou rebentos que haberá que esgazar. O obxectivo será diminuír o posible a capacidade de sermolar das mimosas e facer que a maioría acaben secando. 

O punto de encontro será ás 11.30 horas na Eira da Xoana, desde onde nos desprazaremos ao lugar da limpeza, ata as 14 horas, momento no que haberá un xantar de convivio. Cara ás 16 horas volveremos ao lugar da eliminación para concluír os traballos. 

Para inscribirte nesta actividades podes chamar  ao 659 683 384 ou enviar un mail a fundacion@eiradaxoana.gal.

15 montes galegos serán liberados de eucaliptos e acacias con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente

O ciclo de actuacións xa comezou o sábado, 1 de xuño, no Monte de Fornelos de Monfero e rematará o vindeiro 15 de xuño en Vigo, no Monte da Guía, sumando en total 15 saídas deseucaliptizadoras e/ou desacacializadoras repartidas nas catro provincias galegas. Pontevedra volve ser a provincia con maior número de accións, 7 en total, 2 delas en Vigo,  e as outras en Lourizán, Moaña, Gondomar, Pontecaldelas e Cerdedo-Cotobade. Na provincia da Coruña convócanse 5 accións de eliminación en montes dos concellos de Ferrol, Monfero, Corcubión, Lousame e Rianxo. Ourense acolle dúas actuacións nos montes de Cenlle e Melón e, en Lugo, acudirase a Ramil (Palas de Rei).

Grande parte das actuacións consistirán na eliminación de tocóns e rebrotes de eucaliptos e acacias que rexurdiron tras os lumes de outubro de 2017, así como traballos quedarán continuidade aos xa iniciados na primeira edición de eliminación simultánea convocada por Cousa de Raíces hai dous meses. Tamén se abordarán traballos en lugares con presenza de hábitats naturais prioritarios, como é o caso da que se vai desenvolver no Parque Natural da Fragas do Eume pola asociación de custodia Bétula, ou na de Froxán, en Lousame. Nalgúns casos, as accións completaranse con repoboacións de especies forestais autóctonas.

A xornada máis prolífica desta convocatoria será o sábado, 8 de xuño, con 9 accións de eliminación, 2 delas de ADEGA, aínda que tamén se suman á celebración mundial do Medio Ambiente a través dunha deseucaliptización simultánea outras 5 iniciativas, repartidas entre os días  1, 5, 7, 9 e 15 de xuño.

As entidades que nesta ocasión acudiron ao chamado de Cousa de Raíces: ADEGA, Couto da Eirexiña, As Brigadas deseucaliptizadoras, Verdegaia, Montescola, A Rente do Chan-Pladever, Arlequín (MonTeis), Voces polo litoral de Teis, APDR, Bétula, Amigos da Terra, Asociación Vergasta, Boca do Sapo, Fundación Eira; os colectivos veciñais de Lentille, Tirán, A Movemento veciñal Fousas ao Monte; e, as comunidades de montes veciñais en man común de Tourón (Melón), O Fieitoso (Rianxo), Teis (Vigo), Lourizán (Pontevedra),  Froxán (Lousame) e Rebordelo (Cercedo-Cotobade).

Consulta o mapa de actuacións e a táboa explicativa dos traballos de eliminación de especies exóticas invasoras desta II edición da Deseucaliptización Simultánea de Cousa de Raíces e fai a túa escolla!

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal