ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / TOUROLEAKS (3): Cobre San Rafael propón facer un...

28-12-2018

TOUROLEAKS (3): Cobre San Rafael propón facer un parque temático da contaminación mineira

Na documentación achegada pola empresa en resposta ás graves deficiencias postas de manifesto polos colectivos sociais e os informes da Xunta, seguimos atopando datos sorprendentes. Desta volta trátase dunha rocambolesca proposta que, da man do prof. Felipe Macías pretende, facendo da necesidade virtude, crear o "primeiro parque de estudo de organismos estremófilos". Semella unha brincadeira mais non o é.

Acontece que Dirección Xeral de Patrimonio Natural deu un bo "repaso" ao proxecto de reapertura da mina, poñendo de manifesto as graves eivas e irregularidades que contiña. Entre outras deficiencias, Medio Ambiente subliñaba que non se describían as repercusións da vella mina no medio, amplamente detalladas en coñecidos estudos como o de Rosa Calvo, A. Pérez Otero e E. Álvarez Rodríguez: "Efectos das minas de Arinteiro (A Coruña) sobre a calidade das augas super e subsuperficiais". Estes graves impactos foron reiteradamente corroborados polas analíticas de ADEGA primeiro, e logo polos propios datos de Augas de Galiza que certificou a acidificación e a contaminación por metais pesados de todos os ríos arredor da mina nunha superficie de arredor de 65 km cadrados.

En resposta, a mineira de Touro viuse obrigada a recoñecer os "pasivos ambientais" deixados pola explotación durante anos e que, segundo os seus propios informes debéronse “a la ausencia de medidas protectoras, correctoras y mejores técnicas disponibles para la prevención de impactos ambientales durante la vida del proyecto, así como la no ejecución de actuaciones de restauración y clausura sobre las superficies alteradas con carácter previo al cese de la actividad". Deste xeito e con este parágrafo, a empresa non só sinala a súa responsabilidade polo que atinxe á contaminación provocada pola mina, senón que tamén pode estar recoñecendo un presunto delicto ecolóxico.

Parque de bacterias extremófilas: non hai mal que por ben non veña...

Malia a todo o anterior, e ao recoñecemento aparente da culpa, Cobre San Rafael retruca con propostas delirantes que abeiran o máis absoluto cinismo. Se as augas están tan contaminadas pola mina que só poden sobrevivir bacterias primitivas onde antes nadaban insectos, peixes, anfibios... pois facemos un parque temático de bacterias estremófilas para estudar a vida extraterrestre!
Con esta "medida experimental" a empresa pretende escotrer o vulto e desviar a súa responsabilidade da nefasta xestión da explotación e que provocou a prática esterilización dalgúns ríos veciños á mina:

“En estas aguas del Portapego no se han realizado labores de recuperación por la presencia de organismos extremófilos con mayor diversdad desconocida para la ciencia que en el río Tinto. La corrección de este sistema podría suponer la eliminación de una biodiversidad de elevado interés científico para aspectos como el origen de la vida, las posibilidades de vida extraterrestre…”

Semella que case debemos agradecer a Cobre San Rafael o ácido e os metais pesados vertidos durante anos dende a explotación mineira, porque deste xeito hoxe podemos investigar bacterias primitivas e contribuir ao estudo da vida extraterrestre. A empresa compara a situación coa do Río Tinto, en Huelva, un sistema de augas hiperácidas que drena de xeito natural, unhas fomacións xeolóxicas moi particulares. En Touro, Cobre San Rafael parece esquecer que alta acidez e a elevada metalicidade das augas débense ao "pasivo ambiental" deixado pola súa explotación.

NOTA IMPORTANTE: A pesares da data (28 de decembro) esta nova, infelizmente, non é unha brincadeira.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal