ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Aberto o prazo para solicitar composteiros...

29-05-2018

Aberto o prazo para solicitar composteiros domésticos para as vivendas de Figueiras e Grixoa en Compostela

A condición para participar é ter unha horta ou xardín onde instalar o composteiro, comprometerse a asistir a un curso e facilitar as visitas porta a porta para resolver dúbidas e observar o correcto funcionamento do proceso durante os 7-8 primeiros meses.
Esta é unha razón pola que se fai o reparto de composteiros por núcleos (Figueiras e Grixoa), así facilítase a loxística tanto de entrega de composteiros como as visitas. Se vivides nun destes núcleos podedes solicitar o composteiro na seguinte ligazón:
http://santiagodecompostela.gal/tramite.php?txt=Medio_ambiente&id_t=429&c=&lg=gal  

Actualmente está en marcha un proxecto piloto de compostaxe comunitaria, xa que dende abril do ano pasado están funcionando tres áreas na zona de Salgueiriños, Santa Marta e Galeras.
A participación da veciñanza é moi boa e o funcionamento correcto sen problemas que contraindiquen esta práctica de xestión de residuos orgánicos “in situ”, neste caso de forma comunitaria. Xa obtivemos varias remesas de compost que poden usar as veciñas e veciños para as plantas ou ben para parques e xardíns da cidade pechando así o ciclo da materia orgánica.  

Os centros de ensino de Santiago de Compostela tamén aprenden a compostar:
O curso pasado o CEIP Raiña Fabiola foi o pioneiro en usar os composteiros, este curso incorporáronse 6 CEIP novos: Vite, Fontiñas, Roxos, Ramón Cabanillas, Santiago Apóstolo e o Mestre Rodríguez Xixirei. Estes centros xestionan os restos orgánicos nas merendas nalgúns casos dos comedores e os compostan no patio nos composteiros. O alunado e profesorado está organizado para atender esta tarefa e nos próximos días teremos a ultima actividade deste curso en cada un dos centros. Abriremos o composteiro pola parte inferior e poderemos observar no que se transformaron os restos orgánicos, quitaremos o compost e observaremos quen son os descompoñedores.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal