ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Crónica da participación nas xornadas Fogares...

13-06-2016

Crónica da participación nas xornadas Fogares Verdes Green4Life

Hogares Verdes (HV) é un programa educativo de acompañamento domiciliario dirixido a familias preocupadas polo impacto ambiental e social dos seus hábitos cotiáns. Con esta iniciativa, acompáñaselles no proceso de cambio cara unha xestión máis responsable do seu fogar, promovendo o aforro enerxético e de auga, axudando a facer unha compra ética e ecolóxica, e fomentando boas prácticas para a xestión dos residuos producidos no fogar.

A xornada do primeiro día estivo dedicada aos aspectos prácticos para iniciar o programa e tamén a coñecer as experiencias innovadoras levadas a cabo por membros da rede HV, entre os que se atopa ADEGA e onde tivemos ocasión de expoñer a nosa experiencia en compostaxe doméstica e comunitaria, e tamén a actividade levada a cabo na Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña (OMA), onde ademais da compostaxe comunitaria, se están a desenvolver campañas de aforro de auga, enerxía e papel. Tamén na xornada do día 1 se incluíu a presentación do programa ERASMUS+ Green in Everyday Life, a versión internacional do programa HV. Entre os países participantes estiveron Marrocos, Italia, Xordania, Suecia e Inglaterra, que relataron a súa experiencia: actividades, destinatarios, resultados, etc.

As presentacións destes países tiveron continuidade na xornada do día 2, cando coñecemos máis en profundidade a experiencia de cada un deles, mediante obradoiros prácticos. Xa pola tarde, realizáronse dúas dinámicas grupais, unha delas sobre o movemento e como os nosos movementos están condicionados polos medios de transporte, e outra sobre cuestións relacionadas co propio programa co obxectivo de autoavaliarse cada quen como formador/a de HV. A seguir, tiveron lugar unha serie de conferencias relacionadas con tendencias de consumo transformador e responsable tomando como exemplos as iniciativas levadas a cabo en Madrid (Comunicación ambiental para a transformación social: iniciativas de consumo responsable en Madrid), e en Inglaterra (Produción e consumo colaborativo nunha cidade en transición, Totnes). Ademais, presentouse a Plataforma Ouishare como un exemplo concreto de promoción da economía colaborativa, para rematar cunha Revisión crítica de algunhas fórmulas de consumo colaborativo. Ao remate da xornada, realizouse unha ruta guiada por Segovia visitando construcións históricas e de grande valor social, patrimonial e cultural mostrando a todas/os participantes a súa importancia e fomentando o coñecemento das mesmas.

Para rematar as xornadas e a celebración dos 10 anos de HV, o terceiro día dedicouse, a presentar o libro “Ecodestrezas” e a recompilar temas para a segunda edición, a avaliar o programa mediante diferentes dinámicas participativas e en pequenos grupos de traballo, a realizar propostas de mellora para o mesmo (aspectos a manter, a mellorar, a eliminar...).

Ligazóns de interese

Álbum de fotos das Xornadas: https://picasaweb.google.com/105713614573572913754/6294604187434231937

Libro Ecodestrezas: http://www.magrama.gob.es/es/ceneam/recursos/materiales/ecodestrezasabril2016_tcm7-417435.pdf

Manual Fogares Verdes: http://adega.gal/media/documentos/manualfogaresverdes.pdf

Manual Nadal Verde: http://adega.gal/media/documentos/nadalverde.pdf

Web CENEAM: http://www.magrama.gob.es/es/ceneam/

Blog Hogares verdes: https://hogares-verdes.blogspot.com.es/

Compostaxe caseira: http://adega.gal/publicacions/documentos.php?cat=133&idioma=gl&sec=141

Material elaborado pola OMA: http://adega.gal/publicacions/documentos.php?cat=169&idioma=gl&sec=141

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal