ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Semana Europea da Mobilidade: Móvendose por un ar...

18-09-2013

Semana Europea da Mobilidade: Móvendose por un ar máis limpo? A Xunta non

Do 16 ao 22 de setembro celébrase a Semana Europea da Mobilidade. Co lema "Móvete por un ar máis limpo" quérese destacar o impacto do transporte a motor no ar que respiramos. Mentres, a Xunta insiste na falsa mensaxe da boa calidade do ar en Galiza.

Os estados desoen as recomendacións da OMS sobre a calidade do ar

As emisións dos veículos a motor son a principal causa da contaminación das cidades. A este respeito, as recomendacións da OMS (de 2005) situan os níveis adecuados para garantir a saúde pública varias veces por baixo do legalmente establecido no estado (R.D. 102/2012). Deste xeito, o valor límite diario de dióxido de xofre na lei estatal (SO2) é 6 veces superior á recomendación da OMS; os valores límite anuais de partículas PM10 e PM2,5 duplican os recomendados pola OMS, e o valor obxectivo octohorario do ozono (O3) á un 20% superior ao da Guía da OMS.

A mobilidade para a Xunta: Poder ir a todos os sitios en coche

Calcúlase que ao ano morren en España arredor de 20.000 persoas a causa da contaminación atmosférica das cidades. En Galiza a cidadanía seguimos a ser vítimas dunha irracional política de transportes (o Plano MOVE da Xunta) deseñada por e para o automóbil e a sufrir os efectos da contaminación dos coches.

Mentres, a Xunta semella satisfeita coa propaganda sesgada sobre calidade do ar nas cidades, malia a que en moitas infrínxense amplamente as recomendacións da OMS. Os dados das distintas estyación de control atmosférico da nosa comunidade reflicten continuamente superacións dos máximos recomendados en óxidos de nitróxeno (NOx), partículas grosas (PM10), partículas finas (PM2,5)... A suposta boa calidade do ar en Galiza, particularmente na contorna das cidades énon é máis que unha falacia.

Non existen pois existen motivos para a tranquilidade e moito menos para a satisfacción ou a autocompracencia. Unha cousa é cumprir formalmente a lexislación vixente (aínda que abeirando os máximos permitidos) e outra seguir as recomendacións da OMS. Son estas as que as administracións deberían ter en conta  para garantir efectivamente a nosa saúde.

Xunta e concellos deberían amosar un maior compromiso coa mobilidade sustentábel, hoxe esquecida das políticas públicas de transporte, dominadas polo asfalto e as vías de alta capacidade. As receitas, non por coñecidas, están a ser aplicadas: Inserir as necesidades de mobilidade no deseño habitacional para reducir a demanda do transporte motorizado; favorecer a intermodalidade, o transporte colectivo e o ferrocarril de proximidade; e deixarse de planos MOVE que só supoñen máis desbaldimento de cartos públicos, contaminación e enfermidades.


Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal