ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Na Semana Internacional por un Ceo Escuro,...

08-04-2016

Na Semana Internacional por un Ceo Escuro, conciénciate contra a contaminación lumínica

A contaminación lumínica, menos coñecida que a acústica ou a atmosférica, é outro xeito de polución da sociedade do consumo. Unha das reivindicacións que ADEGA quere trasladar ás institucións nesta Semana Internacional por un Ceo Escuro (International Dark Sky Week) é a redución da contaminación lumínica para recuperarmos o ceo estrelecido, un dereito recoñecido pola UNESCO e que nos roubaron as urbes polucionadas.

Para un grande número de habitantes dos actuais núcleos urbanos resulta case imposíbel a contemplación do firmamento estrelecido, a menos que se decidan a percorrer longas distancias afastándose da cidade. Un espectáculo natural que até hai pouco estaba ao noso alcanzo, fica agora furtado por mor da contaminación lumínica que producen as vilas e cidades.

É máis, se cadra estamos xa afeitos/as a ver un ceo sen estrelas e coidamos que é o normal. Mais isto non foi sempre así: houbo un tempo no que ver moitas estrelas dende unha cidade non era raro, senón bastante habitual. Daquela producir e consumir enerxía eléctrica era caro, e a enerxia aproveitábase para iluminar só o preciso. Hoxe dispoñemos dunha inxente cantidade de enerxía, un ben de primeira necesidade que, malia á crise, desbaldimos iluminando onde non se precisa, nomeademente no ceo.

Que é a contaminación lumínica e que consecuencias ten

O Pico Sacro baixo a Vía Láctea (cromo: Fins Eirexas)

A enerxia destragada, a luz emitida polos sistemas de alumeado cara o ceo, é a causante da contaminación lumínica. Maniféstase na forma dun resplandor contra o fondo natural do ceo debido á reflexión e difusión da luz nos gases e partículas do ar. Tal resplandor diminue o contraste das estrelas co fondo do ceo impedíndonos a contemplación dos obxectos máis febles, e nalgúns casos mesmo dos astros máis brillantes. Deste xeito, moitas persoas endexamais ollarán a luz zodiacal nos equinocios, nen seguirán o camiño da Via Láctea polo ceo cos seus magníficos cúmulos e nebulosas.

Mais este argumento, defendido polos profisionais e afeizoados da Astronomía, non é o único: Estase a gastar máis enerxía da precisa para iluminar racionalmente, enerxía que tamén provén de fontes non renovábeis e cuxa combustión emite CO2, contribuindo ao cambio climático. A contaminación lumínica ten tamén efectos sobre as persoas, xa que un exceso de iluminación altera os ciclos día/noite e causa trastornos do sono e alteracións fisiolóxicas.
Tamén impacta sobre os seres vivos, ao furtar o periodo natural de escuridade, non só modificando os seus costumes, senón tamén, como no caso de insectos nocturnos, aves e tartarugas mariñas, causando importantes mortandades e fracaso reprodutivo.

En canto á seguranza cidadá e viaria, non se trata de deixar as rúas ás escuras, tan só de aproveitar millor un recurso valioso cuxo desbaldimento ten graves consecuencias económicas e ambientais. Por iso, nesta Semana Internacional por un Ceo Escuro, pretendemos concienciar á cidadania e aos responsábeis públicos sobre o uso correcto dos sistemas de iluminación para deste xeito, podermos recuperar o ceo escuro, declarado Patrimonio das Xeracións Futuras pola UNESCO en 1997.

Como reducir o impacto da contaminación lumínica?

Eis algunhas sinxelas recomendacións:

  • Impedir que a luz se emita por riba da horizontal e dirixila só alí onde é precisa. Empregar luminarias apantalladas nas que a lámpada estea instalada en posición horizontal e o fluxo luminoso diríxase unicamente cara abaixo.
  • Instalar lámpadas de espectro pouco contaminante e baixo consumo, preferentemente de vapor de sodio de baixa ou alta presión, cunha potencia adecuada ao uso. Os dispositivos LED, moi de moda, non deberían emitir demasiada compoñente azul (<3000ºK).
  • Non iluminar máis que as áreas que necesiten ser iluminadas, de modo que a luz non escape fóra destas zonas e facelo exclusivamente de arriba cara abaixo.
  • Axustar os niveis de iluminación no chan aos recomendados pola Comisión Internacional da Iluminación.
  • Regular o apagado de iluminacións ornamentais e publicitarias, reorientándoas cando iso sexa posible.
  • Prohibir os canóns de luz ou láser, e calquera proxector que dirixa a luz cara ao ceo.
  • Reducir o consumo en horas de menor actividade, de madrugada, mediante o uso de redutores de fluxo na rede pública ou o apagado selectivo de luminarias. Apagar totalmente as luminarias que non sexan necesarias.

Nas ligazóns de embaixo atoparedes máis información e recursos sobre a contaminación lumínica, incluida unha proposta de moción para que os concellos poidan abordar este problema.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal