ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA e Nosa Enerxia S.C.G. afianzan a fronte por...

06-04-2016

ADEGA e Nosa Enerxia S.C.G. afianzan a fronte por un novo modelo enerxético en Galiza

ADEGA vén de asociarse a Nosa Enerxia S.C.G., a cooperativa enerxética galega e primeira comercializadora de enerxía renovábel autóctona. Deste xeito, afortálase o modelo cooperativo, solidario e transparente que representa Nosa Enerxía coa presenza dunha organización referente na defensa do medio ambiente galego.

A importancia deste feito radica en abrir o camiño da converxencia entre o coñecemento e experiencia na loita pola defensa do medio ambiente de ADEGA coa capacidade de transformación de Nosa Enerxia S.C.G. de cara a camiñarmos cara un novo modelo enerxético baseado na democratización e na soberanía enerxética, promovendo de xeito directo o consumo de enerxía procedente de fontes renovábeis.

Agora, xa temos unha ferramenta para poñer en práctica un novo modelo enerxético, fuxindo dos oligopolios corruptos e insolidarios: A utopía de poder consumir enerxía de fontes 100% renovábeis e galegas xa é posible grazas ao proxecto de Nosa Enerxia S.C.G.

ADEGA e Nosa Enerxia S.C.G. traballarán para facer posíbel este obxectivo, que se traduce xa na posibilidade de contratar un subministro de electricidade con certificación de procedencia de fontes renovábeis, xunto con moitas máis accións que irán xurdindo nos vindeiros meses dentro das áreas de comercialización, xeración e acción social e verde de Nosa Enerxia S.C.G.

Dende ADEGA e Nosa Enerxía queremos apelar á coherencia e ao compromiso de toda a xente interesada en apostar por este modelo enerxético, solidario e sustentábel, e animamos á cidadanía a dar o paso e converter os bos desexos en feitos, desenchufándose para sempre do oligopolio.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal