ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA e Ríos con Vida instan á corporación...

28-07-2020

ADEGA e Ríos con Vida instan á corporación municipal de Lugo a incorporar no PXOM definitivo todos os ríos e regatos do municipio

Debate no pleno do venres sobre o 5% do PXOM pendente de aprobación

Ante a previsión de que o Concello de Lugo vai levar ao pleno o vindeiro venres a cuestión do 5% do PXOM que quedaba pendente de aprobación debido ás deficiencias indicadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ADEGA  e AEMS Ríos con Vida veñen de enviarlle un escrito aos membros da corporación municipal de Lugo  para que teñan en conta no debate toda a documentación presentada no seu día no Concello por estas entidades, na que mostraban importantes deficiencias no grafado e identificación da rede fluvial municipal.

ADEGA e Ríos con Vida proporcionaron ao Concello estudos técnicos sobre os treitos fluviais non grafados

ADEGA e AEMS Ríos con Vida elaboraran hai 7 anos un exhaustivo estudo técnico no que se comprobou sobre o terreo que uns 45,8 quilómetros de ríos e regos non están representados no novo Plan Xeral de Ordenación municipal (PXOM) de Lugo, sendo un total duns 400Kms segundo as nosas estimacións, que ficarían fóra de toda planificación e que poderían atoparse en risco ante o desenvolvemento urbanístico proposto polo goberno local. Un traballo técnico moi rigoroso, no que se determinou o trazado de 20 cursos fluviais non incorporados no PXOM. Previo a este estudo, realizouse un estudo higrolóxico e hidráulico para a delimitación de zonas inundables no treito medio-alto do río Rato, demostrando que máis de 3Kms deste curso non estaban protexidos. Ambos estudos foron entregados reiteradamente no Concello de Lugo para que este reparase oportunamente tales deficiencias no documento urbanístico, co obxectivo de defender e preservar adecuadamente todos os ecosistemas fluviais existentes no termo municipal de Lugo.

Por iso, desde ADEGA e Ríos con Vida, seguimos consideramos fundamental que este informe técnico se teña seriamente en conta de cara a aprobar a totalidade do PXOM de Lugo.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal