ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro polo Bidueiral de Montederramo:...

12-06-2022

Roteiro polo Bidueiral de Montederramo: Camiñando polas terras do lobishome

O vindeiro domingo 12 de xuño poñemos punto e final ao programa de roteiros As nosas sagradas montañas. Achegarémonos ata o Bidueiral de Montederramo, unha das xoias dos bosques galegos, razón pola que foi declarado Lugar de Interese Comunitario e que ofrece unha diversidade de paisaxes que vai máis aló da masa forestal de bidueiros. Guiarános no percorrido Ramsés Pérez, coordinador da equipa de Educación Ambiental de ADEGA.

Faremos unha ruta circular que aínda sendo de aproximadamente 20 Km a dificultade da mesma é baixa. Comezaremos o ascenso en A Mogaínza, a través dunha pista forestal chegaremos ata o Bidueiral (en azul). O percorrido a través do Bidueiral (en rosa) é circular e voltaremos á mesma pista forestal que nos levará de volta.

A Serra de San Mamede situáse no noroeste do Macizo Central ourensán, considerada a Alta Montaña galega. O LIC Bidueiral de Montederramo é un espazo cunha extensión de 1.984 ha, e a sua altitude vai dende os 959 m. na cota inferior aos 1619 m. na superior, correspondente ao cumio que dá nome á serra, o Alto de San Mamede.

Podes completar a información do roteiro na Bitácora dos roteiros de ADEGA Lugo. 

O programa de roteiros "As nosas sagradas montañas"

Con este roteiro poñemos punto e final ao programa "As nosas sagradas montañas" que realizamos durante os anos 2021/22, e no que visitamos as montañas afectadas por proxectos industriais. O Courel, A Cova da Serpe, Navia, Cervantes e Becerreá, Negueira de Muñiz, o Xistral, e o Bierzo foron algúns emplazamentos nos que puidemos coñecer en colaboración con asociacións locais as paraxes e problematicas de cada zona. 

Reserva a túa praza!

Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo irase  actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a túa reserva. 

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13:00 do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos. 

Prezo xeral: 18€; Socios/as de ADEGA: 12€; Estudantes ou en paro: 15€; ata 14 anos: 5€.

    Para máis información, tamén se pode chamar ao teléfono 982 240299 ou escribir un correo electrónico a adegalugo@adega.gal.

    Ligazóns

    ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
    Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
    Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal