ADEGA

Inicio / Axenda / Outras actividades / Cimeira Social do Clima en Madrid

Do 06-12-2019 ao 13-12-2019

Cimeira Social do Clima en Madrid

Do 7 ao 13 de decembro terá lugar en Madrid o Cumio Social polo Clima,  un espazo de encontro que se vai a desenvolver en paralelo á Conferencia das Nacións Unidas contra o Cambio Climático, a COP25. A súa vez nestas mesmas datas realizaranse en Chile o Cumio dos Pobos e o Cumio Social pola Acción Climática, encontros programados no país andino antes de que o goberno represor chileno de Sebastián Piñera decidira unilateralmente trasladar fóra de América Latina a COP25, invisibilizando así aos movementos sociais chilenos e do resto de América do Sur. O Cumio Social polo Clima constitúe un lugar común de participación e de intercambio de sinerxías e saberes por parte de activistas e defensoras da natureza dos diferentes pobos que habitamos o planeta. Este cumio congregará a organizacións e movementos sociais de diversos territorios do mundo co obxectivo de partillar experiencias e procurar solucións e alternativas ao actual sistema capitalista.

Este contexto de participación social permitirá establecer unha axenda de accións e de estratexias para a loita contra o Cambio Climático por parte dos colectivos e das asociacións defensoras do medio ambiente e da igualdade e da xustiza social. Isto permitirá fortalecer as alianzas globais e as accións locais para poñer freo ao destrutivo modelo socioeconómico actual.

Por estes motivos, desde ADEGA adherímonos ao manifesto e amosamos o noso total apoio á realización do Cumio Social polo Clima en Madrid. Tamén desde ADEGA condenamos a brutal represión que está a sufrir o pobo chileno, así como a decisión de trasladar a realización da COP25 a un espazo eurocentrista como é o Estado Español.Participa!Se formas parte dalgún colectivo ou asociación podes enviar propostas de participación para conformar entre todas o programa do Cumio Social polo Clima de Madrid. Tes toda a información para axudar nisto na seguinte ligazón:

https://cumbresocialclima.net/#programa



Participa na manifestación polo Clima do 6-D

Tamén podes achegarte e participar da gran manifestación polo clima que terá lugar o 6 de decembro en Madrid. Esta marcha pola emerxencia climática sairá ás 18:00h desde Atocha até Novos Ministerios. A través da plataforma do Movemento Galego polo Clima, diferentes colectivos e asociacións galegas, entre elas ADEGA, fretarán dous autobuses para facilitar o transporte.

Ainda fican prazas libres no bus 1 que vai e vén o xoves 6 de decembro. Se qureres solicitar praza chama de inmediato ao teléfono 609 474 465. Podes consultar os horarios de saída na infografía achegada polo Movemento galego polo Clima ao final deste artigo. 

Por último, tamén podes difundir a través das redes as diferentes actividades e a programación do Cumio Social polo Clima, así como o cartaz da gran manifestación polo clima deste 6D.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal