ADEGA

Inicio / Axenda / Educación ambiental / Únete á VIII Limpeza...

Do 18-10-2019 ao 25-10-2019

Únete á VIII Limpeza simultánea de praias de ADEGA (consulta os cambios)

ADEGA volve organizar unha nova xeira de limpeza simultánea de praias na costa galega para os vindeiros días 18 e 19 de outubro. O obxectivo desta actividade, que xa acada a súa oitava edición, é concienciar e sensibilizar a cidadanía sobre a problemática do lixo mariño, que afecta a todos os mares e océanos do planeta, e tamén aos galegos. Ademais de reflectir a falta dunha xestión adecuada dos residuos e dun modelo de consumo máis sostible, a problemática do lixo mariño pon en grave perigo a supervivencia dos seres vivos que habitan os océanos. A nivel mundial, cada ano 10 millóns de toneladas de lixo acaban no mar.

A limpeza simultánea de praias que organiza ADEGA está dirixida a todo tipo de públicos, centros de ensino, asociacións e entidades que queiran formar un grupo de voluntarios e voluntarias que acudan á súa praia máis próxima para retirar manualmente os residuos que nela fiquen depositados. No entanto, o venres 18 de outubro, a actividade será desenvolta sobre todo polos centros de ensino, e o sábado 19 polo resto de entidades e persoas participantes.

Para o correcto desenvolvemento da limpeza, ADEGA fará entrega a cada persoa participante do Protocolo de limpeza de praias, no que se explica de xeito sinxelo cales son os pasos a seguir antes, durante e despois da execución dunha limpeza ecolóxica na que non se xeren impactos innecesarios. Ademais da entrega dos protocolos, proporcionarase información sobre outros aspectos esenciais para os coidados dos ecosistemas litorais. Os concellos nos que se realiza a actividade serán os encargados de retirar dos areais as pilas dos residuos recollidos.

O pasado ano 2018 participaron na Limpeza simultánea de praias organizada por ADEGA unhas 500 persoas, que conseguiron reunir centros de ensino, entidades ecoloxistas, asociacións culturais, escolas de surf e de mergullo, que contaron ademais coa colaboración de varios concellos. Grazas a esta actuación simultáneas retiráronse das praias galegas máis de 4000 quilos de residuos, sendo o plástico o tipo de refugallo máis abundante.

Adiamento dalgunhas das limpezas por razóns meteorolóxicas

Ante as previsións meteorolóxicas algunhas das limpezas programadas para o venres 18 de outubro adiáronse para o próximo venres 25. No cadro de abaixo indicamos en vermello que actividades foron adiadas. Polo momento todas as actividades programadas para o 19 de outubro non sufriron modificación.

Desculpamos as molestias.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal