ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro pola Lagoa de Cospeito: refuxio invernal...

16-12-2018

Roteiro pola Lagoa de Cospeito: refuxio invernal de moitas aves

ADEGA-Lugo despide o ano cun novo roteiro do programa “Fauna d’aquí” 2018-2019, que terá lugar o vindeiro domingo, 16 de decembro. Por razóns alleas á nosa vontade, vémonos obrigados a realizar un pequeno cambio, polo que a andaina prevista ás Covas de Vale queda adiada para xaneiro.

Desta volta, o destino escollido será a Lagoa de Cospeito, un dos humidais máis importantes de Galiza, onde centos de aves atopan acubillo para pasar a invernada. En pleno corazón da Terra Chá, a horizontalidade do terreo e a baixa permeabilidade dos solos arxilosos, fai que os regos e ríos pequenos se ramifiquen, conformando o Complexo Húmido de maior importancia do territorio. Abastecida polas augas do Guisande, na conca fluvial do Támoga, afluente do Miño, a Lagoa de Cospeito representa a máis grande da comarca. Pertence á Rede Natura 2000, formando parte do LIC Parga-Ladra-Támoga, enmárcase na Reserva da Biosfera Terras do Miño e foi declarada como Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral pola Consellería de Medio Ambiente.

Malia a ter sufrido un proceso de desecación na década dos sesenta para a produción agrícola, modificando o aspecto das dúas lagoas orixinais, coa conseguinte perda de biodiversidade e de grandes extensións de matogueira, os traballos de recuperación levados a cabo conseguiron que na actualidade constitúa un lugar de gran diversidade ecolóxica, refuxio de moitas aves migratorias.

Nos meses de inverno pódense observar numerosas especies que chegan desde o norte de Europa, como a avefría, representando este un dos poucos lugares de Galiza onde cría, e que tentaremos coñecer e descubrir coa axuda do biólogo Roi Cuba.

Percorrido

A lonxitude do roteiro será de 14 km e a dificultade baixa.

Partindo do Centro de Interpretación da Lagoa de Cospeito, neste roteiro daremos unha volta polos sendeiros entre bosques que rodean a lagoa. Deterémonos nos observatorios para buscar grandes bandos de lavancos e cercetas, entre os que se agochan outras especies curiosas como o cullerete, o parrulo cristado ou o asubiador. Tamén atoparemos indicios da presenza do xabaril ou da algaria.

Continuaremos a andaina entre terreos agrícolas, forestais e prados húmidos, onde habita numerosa fauna como o limpafontes e outros anfibios, ou a esquiva avefría. Pasaremos preto da Lagoa da Carballosa, e remataremos na antiga escola e na igrexa de San Martiño de Lamas.

O percorrido plano propio da Terra Chá non presenta grandes dificultades. É moi aconsellable levar prismáticos para gozar de boas observacións.

Reserva a túa praza

Xa está aberto o prazo de inscrición! Como ben sabedes, a reserva de praza terase que facer preferentemente a través do formulario de reserva, aínda que tamén será posible facela por teléfono, chamando ao 982 240 299 ou ao móbil 670 260 440.

As prazas cubriranse por orde de inscrición.

O prazo para efectuar a solicitude de praza remata o xoves, 13 de decembro, ás doce da noite, polo que non se admitirán as reservas realizadas posteriormente. Se por algunha razón xustificada, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible. A cancelación posterior ao período de inscrición suporá o aboamento íntegro do prezo da praza.

SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 16 de decembro, fronte á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro, ás 9:00 horas.

Os custos da actividade irán destinados a pagar a xestión, transporte e o seguro correspondente. Os prezos son vantaxosos para os socios/as de ADEGA, menores de 14 anos, estudantes e persoas en situación de paro:

  • Xeral: 18€
  • Estudantes ou en paro: 15€
  • Soci@s de ADEGA: 12€
  • Ata 14 anos: 5€
O pago realizarase presencialmente no autobús.

Recoméndase aos participantes estar no punto de quedada 5 minutos antes da hora de saída, levar roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de todas/os!Anímate a participar!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal