CERNA Nº 50 - CERNA x 50, 16 anos informándote. Especial incendios
Páx. 38 - 40
Os lumes, ademais de seren un desastre ecolóxico, son tamén un risco para a saúde. Luís Díaz Cabanela é médico e Vogal de Saúde Ambiental de ADEGA, neste artigo explica a composición das partículas contidas nos fumes dos incendios forestais e como afectan a saúde e á contaminación atmosférica ademais das precaución a tomar nas proximidades dos incendios.
Páx. 26 - 28
Cando oímos falar de “contaminación” pensamos, de inmediato, en ríos e praias con refugallos das cidades e das industrias, en vertedoiros e entullos nos campos ou na radioactividade, pero case nunca pensamos nun tipo de contaminación que, aínda que non afecta nin a pureza do ar ou da auga, nin á vexetación, pode repercutir no equilibrio psíquico das persoas e na diminución da súa calidade de vida. Referímonos ao “ruído”, unha contaminación de tipo físico que está provocando enormes problemas na sociedade actual, tanto na industria como na vida cotiá, afectando á perfecta comunicación e ao rendemento no traballo a nivel persoal e colectivo. En determinadas situacións afecta tamén á vida salvaxe.
Páx. 45
Aquí temos unha historia que se desenvolve na cidade de Peniche que foi cárcere durante a época salazarista, no relato denunciase a contaminación que fai unha fábrica de peixe destruíndo a fermosura do lugar.
Páx. 18 - 20
Nos últimos anos temos asistido a unha incontrolada proliferación no medio rural e urbano dunha serie de infraestruturas, de estacións de GSM, DCS, LMDS, UMTS, dispolos repetidores, antenas de alta ganancia, picocélulas e microantenas, radioenlaces, etc., ou os novos sistemas Wi-Fi. Isto ten provocado un aumento da contaminación electromagnética que non acada unha rápida resposta por parte das administracións encargadas de garantir a saúde ambiental e cidadá fronte os posíbeis efectos destas radiacións. O poder económico dos operadores de telecomunicacións e o peso do lobby das microondas ten provocado que política dos feitos consumados e da permisividade rexan o proceder do goberno a hora de controlar o desenvolvemento destas tecnoloxías.
CERNA Nº 58 - Crónica: O incerto futuro de ENCE en Galiza
Páx. 25 - 28
Dentro de nove anos, no 2018, o complexo Ence-Elnosa ten que pór fin á súa actividade de fabricación de pasta de papel en Pontevedra. Desde que se fixo pública a data de caducidade, a Administración viuse obrigada a responder a determinadas cuestións relacionadas co futuro da entidade empresarial en Galiza que precisan resposta: a partir do ano 2018, ou antes, irase Ence de Pontevedra? Será o seu peche o fin da súa actividade no país? Existe outra localización adecuada para a fábrica da celulosa en Galiza? Como vai influír a súa marcha no aproveitamento forestal do territorio galego? E desde un punto de vista económico ou social? Demasiadas preguntas que o anterior goberno non abordou con determinación e que, coa entrada dunha nova Administración "popular", quedan aínda máis sumidas no escurantismo da incerteza. O que si está claro, ao menos desde o eido ecoloxista, é a magnitude do impacto que a actividade de Ence ten suposto para o medio ambiente galego. ADEGA quixo retomar o debate sobre o futuro do complexo Ence-Elnosa nun encontro entre os seus socios e socias e personalidades das universidades galegas, de grande pouso no ecoloxismo galego, convidados a analizar as posíbeis opcións dese futuro incerto. Tomaron posicións o expresidente de ADEGA e profesor de Enxeñaría Química na UDC, Manuel Soto Castiñeira, o Catedrático en Bioloxía e tamén expresidente de ADEGA, Ramón Varela, e o Catedrático en Economía Aplicada pola USC, Xabier Vence.
CERNA Nº 59 - Mar: do litoral ás profundidades
Páx. 28 - 29
O “Estudo crítico sobre o réxime de responsabilidade civil por danos causados por hidrocarburos. Ensinanzas do Prestige.”, editado en Rexurga (Pontevedra, 2009) é unha obra que forma parte do traballo levado a cabo polo Grupo de Investigación de Economía Pesqueira e Recursos Naturais da USC que dirixe Mª do Carme García Negro, e que analiza sectorialmente as consecuencias da catástrofe ocasionadas polo buque petroleiro Prestige en 2002.