Revista CERNA

Artigos de Enerxía e cambio climático. Revista CERNA, medio ambiente e ecoloxismo da man de ADEGA

Vaga eólica. Ventos de espolio con salseiro

Alfredo López

CERNA Nº 85 - Especial Vaga Eólica I

Páx. 40-42

Das escuras factorías da explotación e a extorsión ambiental chegan propostas renovadas, desta volta, coa chantaxe do custe da electricidade, por se había algún motivo de oposición social. Teñen que dar resposta á ambición capitalista desmedida que ao mesmo tempo consuma un sometemento máis, unha dependencia metropolitana maior, quedando patente que algo estamos perdendo. Así, seguen a maquinar na eólica mariña e no xeito de meter na nosa costa os pés dos aeroxeradores... como se en terra non fosen dabondo. O caso é poñer unha pica en Flandes. Van aquí varias reflexións en contra dun novo despropósito.

Vaga Eólica. Rompendo o cerco sobre o Xurés e outros cercos mentais

Aldara Soutomanco

CERNA Nº 85 - Especial Vaga Eólica I

Páx. 43-46

A plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova analizou as posibilidades de loitar contra a actual invasión eólica que ameaza as comarcas arraianas, no suroeste de Ourense, dada unha realidade social na que calla o discurso empresarial en prexuízo da preservación e outros usos do monte. A autora describe esa análise e unha posíbel estratexia de resistencia

Vaga Eólica. O caso de Outes: Área de desenvolvemento eólico sobre zona de humidais

Roberto Vilela Martínez

CERNA Nº 85 - Especial Vaga Eólica I

Páx. 47-48

En Galiza contamos cunha morea de ADE’s (Áreas de Desenvolvemento Eólico) nas que as promotoras poden tramitar un ou varios parques eólicos, sendo estas as responsables de realizar os estudos de impacto ambiental. Este feito non é inocuo. Se temos en conta o custe que poden ter estudos como o hidrolóxico, hidroxeolóxico... a problemática está servida. As empresas “barren para a casa” e os humidais quedan desprotexidos.

Vaga Eólica. Unha avalancha humana contra a nova vaga eólica

Belén Rodríguez/Redacción Cerna

CERNA Nº 85 - Especial Vaga Eólica I

Páx. 49-51

O pasado 5 de xullo, Día Mundial do Medio Ambiente, unha marcha multitudinaria enchía a Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela como había tempo non acontecía por esas datas. Esta grande mobilización social, quizais a máis concorrida na capital galega tras o levan-tamento das restricións de mobilidade pola Covid-19, quixo visibilizar publicamente o rexeitamento masivo do pobo contra o imperante modelo eólico. Este pretende inzar o territorio galego de polígonos industriais destinados á xeración de enerxía, cruzando o país cunha manchea de liñas de evacuación co gallo de transportar boa parte desa electricidade lonxe dos confíns da nosa terra.

A enerxía eólica mariña: potencial e interese na Galiza

Ramón Varela Díaz

CERNA Nº 84 - Eólica mariña, unha alternativa?

Páx. 5-8

Galiza é excedentaria en electricidade e incluso co peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes seguirá tendo necesidade de exportala. A enerxía eólica terrestre, da que somos segundos produtores do Estado, trouxo notables impactos e problemas asociados, hoxe agudizados coa intensificación e construción dos novos parques eólicos. Todo apunta a que a eólica flotante en alta mar pode ser unha alternativa á eólica terrestre sempre que cumpra varias condicións ecolóxicas, económicas e sociais, entre elas, cotizar no país, dar maior emprego, máis beneficios económicos para a poboación así como potenciar a industria naval local e a industria anexa relacionada.

Unha moratoria urxente aos parques eólicos terrestres

Xiana Iglesias / Redacción Cerna

CERNA Nº 84 - Eólica mariña, unha alternativa?

Páx. 9-10

As montañas galegas están no punto de mira das grandes empresas eólicas, que pretenden instalar case un cento de novos megaparques, algúns deles en zonas de alto valor ecolóxico e patrimonial. En ausencia dunha normativa galega que rexa a implantación e crecemento ordenado desta enerxía, á vez que defenda os intereses da poboación e atenda á preservación da diversidade natural, estes proxectos supoñen unha ameaza de consecuencias incalculábeis. Ante esta situación, máis de 60 colectivos galegos, entre os que se atopa ADEGA, asinaron o Manifesto “Aldeas con Horizonte”, para solicitar a moratoria aos novos parques e un novo marco regulador para a enerxía eólica en Galiza.

Revista CERNA
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email:cerna@adega.gal
Edición: Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: cerna@adega.gal